Os PSX do SERGAS: “Queremos ser recoñecidos como persoal administrativo de atención primaria”

O Persoal de Servizos Xerais (PSX) do SERGAS pide a súa inclusión dentro das categorías de administrativos. A reivindicación vén desde que, aseguran, foron homologados polo SERGAS “dentro da categoría de celadores”. Isto entrou en conflito coa postura dos PSX, pois consideran que estando o seu traballo relacionado maioritariamente coa administración dos centros, a súa categoría correspondería á de administración.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Persoal de Servizos Xerais é unha amálgama de atribucións e competencias que, a día de hoxe, aínda crea confusión entre este persoal (PSX) e outras categorías profesionais dentro do SERGAS. Os PSX galegos “realizamos unha boa parte de traballo administrativo ademais de tarefas como apertura e peche de centros de saúde e atención ás persoas que se achegan ao centro de saúde” din desde a Asociación de PSX do SERGAS. Por outra banda, o colectivo teme asumir funcións de “triaxe” coa aplicación de novas ferramentas de atención cara o público, unha delas o programa XIDE. “Teriamos que asumir tarefas de análise médico” para cualificar o tipo de atención que se lle debe dispensar a un doente.

Centro de Saúde Concepción Arenal en Santiago de Compostela
Centro de Saúde Concepción Arenal en Santiago de Compostela | Fonte: Páxinas Galegas


PERSOAL NON SANITARIO

Os PSX están encadrados dentro do persoal non sanitario. En Galicia isto fíxose efectivo co Decreto 160/1996, de 25 de abril, onde se lles atribúen “servizos xerais” que semellan tarefas de apoio a outras categorías profesionais. As principais funcións destacadas no Decreto son: administrativa e de apoio á xestión; de recepción, atención e información a usuarios e por último, de mantemento e apoio en funcións xerais.

Na primeira función están enmarcados traballos propiamente administrativos aínda que cualificados como “apoio” á xestión dos centros de saúde. Esta é a parte que se cualifica como “administrativa” e segundo a Asociación de PSX é “o 99% do traballo que realizamos ademais de tarefas relacionadas coa categoría de celador”. A segunda función é a que entra en “apoio” aos e ás celadoras mentres que a terceira vén sendo unha sorte de persoal, sempre de apoio, para o bo funcionamento das instalacións.

O 99% de tarefas administrativas que realizan os PSX é o punto desde onde parten as súas reclamacións para seren incluídos en categorías de administrativo. Segundo a Asociación de PSX, a última homologación feita introduciunos dentro do persoal celador. O SERGAS, preguntado sobre esta cuestión responde que “están clasificados dentro do colectivo da función administrativa”.

En 2021 sindicatos como a CIG non estaban de acordo coa homologación PSX e auxiliares administrativos alegando, entre outras cuestións, que “isto provocaría a entrada no hospital dunha categoría polivalente, cousa que sempre rexeitamos”. A “polivalencia” para varios sindicatos leva aparellada a eliminación de categorías concretas (desde celador a auxiliar administrativo).

En canto condicións como horarios “temos horarios de 40 horas por semana máis traballar un sábado de cada tres se che toca en centros moi pequenos”. O SERGAS pola súa parte responde que o horario “é igual que o de todo o persoal administrativo, fixado no acordo de concertación social, xornada ordinaria do Sergas, 1.645 anuais, que se corresponden a 235 días de 7 horas, 30 días de vacacións, 6 días libres retribuidos e 14 festivos”.


NOVAS TAREFAS

A Asociación de PSX declara que “non queremos deixar a nosa parte de celador mais pedimos un incremento nas nosas funcións de administrativos polivalentes”. Relacionado con isto último, está a aplicación do programa XIDE, unha “ferramenta que permite mellorar a organización interna dos centros de saúde en función das necesidades dos profesionais e da poboación, o que permitirá ofrecer máis e mellores servizos”, segundo a web do SERGAS.

Os PSX temen que este novo sistema acabe por obrigalos a realizar traballos de “deducción médica” mediante unha serie de preguntas á persoa que chama. “Hai que realizar pregunta sobre pregunta” até que se deriva á persoa. No caso de que a PSX se equivoque “din que o SERGAS te cubre, teoricamente”. A formación para este programa é online. O aplicativo para a xestión da demanda en equipo é un sistema que permite axilizar a citación e ofrecer consultas máis resolutivas.

O SERGAS responde que o persoal administrativo dos centros de saúde se limita a introducir no sistema tecnolóxico o motivo de consulta que lle indica o paciente, sen realizar ningún tipo de valoración de signos e síntomas. “É dicir, o PSX só transcribe a palabra clave ao aplicativo”. Ademais, o SERGAS quere destacar que o XIDE non reduce a presencialidade nin o contacto co médico por que isto sempre está garantido. “O paciente sempre será atendido polo médico de forma presencial se así o desexa”.

Os PSX son persoal con funcións diversificadas mais que buscan a súa definición dentro do cadro administrativo nos centros de saúde. Isto débese a que a maioría das súas tarefas corresponden con asistencia administrativa en canto atención telefónica, persoal e outras tarefas que son cualificadas como de “apoio”. A pesar disto, o obxectivo é seren cualificados como persoal administrativo dentro do SERGAS.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta