As obras do AVE danan un marco centenario

Unha estrutura metálica dana algunhas das cruces desta pedra que dividía dúas parroquias en Baños de Molgas. O Catastro de Ensenada xa facía referencia a este marco.

Por Xurxo Salgado | Baños de Molgas | 19/01/2015 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Hai uns días era Campolameiro e, desta volta, son as obras do AVE. As administracións, que en teoría son as responsables de coidar o noso patrimonio, son, tamén en  parte, as responsables de que sexan danados bens de interese cultural.

Unha das cruces afectadas pola estrutura no marco
Unha das cruces afectadas pola estrutura no marco | Fonte: J.A. Gavilanes

O último caso que chega á redacción de GC é o dano realizado polas obras do AVE a un marco que marca o límite común das parroquias de Ponte Ambía (Santa María) e San Pedro de Ribeira (San Pedro), no concello de Baños de Molgas. A zona onde se localiza, actualmente coñecese como Presa. E este marco  xa aparece referenciado no Catastro de Ensenada: “....y sigue bajando al que se dice Penas Altas y de este sigue al Rio Arnoya y Presa llamada do Cereiro y por dicho Rio.....”

José Antonio Gavilanes, un gran amante da arqueoloxía e da historia, fíxonos chegar esta nova desfeita do patrimonio da que xa deu conta no seu blog polas pegadas que estas obras están deixando nas “malferidas herdanzas dos nosos antergos”.

Esta pedra ten as pertinentes cruces de termo coas que na antigüidade se marcaban estes “Marcos” divisorios. Trátanse aparentemente de catro cruces, de distinta factura e, probablemente, de distinta data de construción.  E nese ben, os técnicos que traballan na construción do AVE decidiron instalar un aparello metálico, supostamente, para medición na construción da ponte que se construíu para que a alta velocidade do tramo Meamán-Ponte Ambía atravese o río Arnoia, nesta zona entre as aldeas de Ponte Ambía e Santa Eufemia. 

Este aparello xa está cheo de óxido e tapa, parcialmente, algunhas das cruces centenarias deste marco xa que ten seis parafusos de diámetro considerable perforados na pedra. O propio Gavilanes fixo unha descrición destas cruces.

Lugar onde se atopa o marco afectado
Lugar onde se atopa o marco afectado | Fonte: J.A. Gavilanes

A Cruz número 1 situada polo lado noreste é de tipoloxía cristiá con terminacións en forma de pequena pía nos catro extremos dos dous sucos que a forman. Aparece lixeiramente oculta debaixo da chapa.

Na que chama número 2,  di que, aparentemente, é mais moderna que a anterior. “O suco non está tan redondeado como na anterior, e está menos erosionado”, apunta. Está situado polo lado norte da peneda, xa no borde desta.

No lado suroeste atópase a cruz número 3, semioculta debaixo da estrutura metálica. Un dos sucos aparece xusto na esquina da devandita chapa, estando a metade do outro suco debaixo. “Esta é a típica cruz de termo que atopamos por estas terras, con sinxela factura, formada por dous trazos da mesma dimensión cruzados a 90º pola súa zona central”, sinala.

A última das cruces de termo visibles é unha que case xa non se aprecia. Trátase dunha semellante a anterior pero os seus sucos están pouco marcados e moi redondeados, posiblemente pola erosión, xa que se sitúa polo noroeste.

“Esperemos que amosando as continuas desfeitas que imos vendo, se lle poida por freo a tanto despropósito. Que os responsables de tanta cafrada, rectifiquen e que nas vindeiras ocasións tomen medidas para evitar estas desfeitas, e mais sendo evitables como esta, na que se pudo facer un soporte provisional, durante o tempo que durase a obra e non estragar algo que leva moitos anos alí feito”, conclúe Gavilanes. 

Estrutura de ferrol chantada nun marco centenario
Estrutura de ferrol chantada nun marco centenario | Fonte: J.A. Gavilanes
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 holocausto para o dereitista

merecen ser denunciados, non pense que Galiza e un pais de crimen impune como cree o seu presidente o chamado frijoles!

1 eueu

E que lle importa aos fode-chinchos unha pedra no medio do monte...