A oposición critica á Xunta por tentar dar "leccións de feminismo" cando "vai de ganchete da ultradereita"

A Xunta aproveita o 8M para anunciar que reforzará os xulgados de violencia machista en todas as urbes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Goberno galego impulsará un plan, que analizará este xoves o Consello da Xunta, para que, de acordo coa Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), se reforce a demanda ao Executivo central de avanzar na creación de xulgados especializados en casos de violencia machista.

O obxectivo da Xunta é avanzar ata dotar con este tipo de salas todas as cidades (e o seu ámbito comarcal), dado que ata o momento só A Coruña e Vigo contan cun xulgado específico para abordar os casos de violencia sobre a muller. O primeiro que urxirán, de acordo coas peticións, será o de Santiago de Compostela para este mesmo ano.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sesión de control deste mércores no Parlamento de Galicia, onde a oposición puxo en dúbida o compromiso "feminista" nas políticas da Xunta. En fronte, o xefe do Executivo galego rexeitou as súas leccións e afeou ao PSOE a súa situación estatal por mor da reforma da lei do 'só si é si'.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento galego.. DAVID CABEZÓN
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control do Parlamento galego.. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA

LEI DO SÓ SI É SI

A sesión de control de control no Parlamento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coincidindo co 8M, quedou subsumida polo debate da reforma da coñecida como lei do 'só si é si'. E é que o xefe do Executivo galego escudouse no que ve "un espectáculo lamentable" para rexeitar calquera "lección" dunha oposición que puxo en dúbida o compromiso feminista nas políticas do Goberno galego.

O debate arrincouno a socialista Begoña Rodríguez Rumbo, quen foi a voz socialista na confrontación con Rueda debido a un problema persoal que, segundo informaron fontes do grupo consultadas por Europa Press, afectou a Luís Álvarez. A parlamentaria advertiu que a igualdade "non é unha prioridade" para o Goberno de Rueda.

A continuación, aludiu a cuestións como "pouca preocupación" no marco da loita contra a violencia machista no ámbito da concienciación e a prevención que correspondería nas aulas. Tamén repasou as carencias que sofren as mulleres en diversos ámbitos, como o laboral ou as cifras de corresponsabilidade, para afear á Xunta que non estea "a ampliar recursos para corrixilas".

Rueda contraatacou cunha cifra que mencionaría máis dunha vez ao longo do debate: os 202 millóns investidos, dixo, polo Executivo autonómico en materia de igualdade e conciliación, fronte aos 54,7 millóns que, remarcou, investía o bipartito. E a continuación, incidiu na "papeleta" que teñen os socialistas tras o debate da toma en consideración da lei do 'só si'; e subliñou que, se os socialistas "nunca teñen moitos motivos para dar leccións de case nada", este mércores tampouco.

"Fronte ao negacionismo, máis feminismo", agregou a socialista antes de afear ao Executivo autonómico outras cuestións como "meter no caixón" o plan integral de saúde da muller ou "financiar" entidades antiabortistas. "As súas políticas carecen de enfoque feminista; e ou pomos o feminismo e a igualdade no centro das políticas públicas ou seguiremos estando por detrás", dixo.

"CON DICIR NON, BASTA"

Unha mensaxe que tamén estendeu ao BNG, ao que lembrou o seu voto "en contra" de medidas ou normas que incidían na igualdade, por exemplo, no ámbito salarial. E ao tempo botoulle en cara o seu rexeitamento á toma en consideración en Madrid da reforma da lei do 'só si é si'. "Con vostedes só se pode contar para que salga máis barato cometer delitos sexuais", esgrimiu Rueda.

Ana Pontón tomou a palabra acusando o presidente de realizar algunhas das peores afirmacións que lle escoitou na Cámara autonómica e foi contundente: "Leccións de feminismo ao BNG ningunha; levan décadas votando en contra dos dereitos das mulleres e de ganchete coa extrema dereita que nos quere levar ao pasado".

"E 14 anos en Galicia traballando desde o minuto un para que os dereitos das mulleres sexan máis pequenos, recuperando concertos con centros elitistas do Opus que segregan por sexo, ou rebaixando o salario ás vítimas de violencia machista", afeou.

"Repúgnanos que violadores saian á rúa antes, pero esa reforma non o vai a cambiar. Non queren que o centro sexa o consentimento e son vostedes os que teñen que explicar ás galegas por que as queren desproteger. Non queremos que unha muller teña que dicir 'resistinme o suficiente'. Con dicir non, basta", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta