Os partidos políticos toman posicións despois do 8M

Rueda destaca que as protestas "son necesarias" e Pontón que "demostran que o feminismo non é unha moda".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2023 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

Galicia viviu este 8M unha xornada reivindicativa con miles de persoas saíndo ás rúas para reclamar e facer visibles os dereitos das mulleres. Unha data que tamén celebrou a Xunta, as deputacións, a Delegación do Goberno, os concellos, universidades e outras institucións pero que tivo o seu cerne nas manifestacións que percorreron as rúas das principais urbes galegas. Unhas protestas nas que participaron BNG, PSdeG, as mareas locais como a Marea Atlántica ou Compostela Aberta, ademais doutras formacións como EU ou Podemos.

Manifestación pola igualdade de xénero convocada pola Plataforma Feminista Galega e Marcha Mundial das Mulleres no 8M. M. DYLAN
Manifestación pola igualdade de xénero convocada pola Plataforma Feminista Galega e Marcha Mundial das Mulleres no 8M. M. DYLAN

O PPdeG non apoio de xeito formal estas manifestacións, pero o presidente galego, Alfonso Rueda destacou a presencia de destacadas dirixentes populares, "e tamén homes", nesas protestas. "É un bo día para facer reivincidicacións e algunha dirixente do PP de Galicia estivo nestas manifestacións que son necesarias e pacíficas", dixo. Con todo, evitou opinar sobre a necesidade de apoialas dun xeito oficial.

Rueda aproveitou para reivindicar o anuncios feitos este mesmo mércores en sede parlamentaria, cando anunciou a creación de xulgados de violencia de xénero nas principais cidades galegas, o primeiro, en Santiago. "A nosa previsión, vendo tendencias de últimos anos, é que crear tres unidades xudicias e temos xa orzamentos para isto. Este ano poden ser xulgados tradicionais en canto ao seu formato ou maxistrados para audiencias ou TSXG. Sabemos que hai necesidades doutras unidades, pero este ano ten que existir a máis urxente que é o xulgado de violencia de xénero de Santiago", indicou.

PONTÓN

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sentenciou que as mobilizacións do pasado 8 de marzo, evidencian que o feminismo "non é unha moda", senón "unha semente que prendeu" na sociedade. "O futuro será femimista ou non será", aseverou a líder frontista en declaracións aos medios este xoves.

Pontón incidiu na necesidade de impulsar unha "axenda feminista galega" para avanzar "tras 14 anos dun executivo do PP que arrastra os pés cando se trata de mellorar os dereitos das mulleres". Esta "axenda feminista" inclúe, como avanzou Pontón, a creación da figura da "Defensora da Igualdade", que define como "un organismo autónomo con capacidade de impulsar sancións" para velar polo cumprimento da igualdade e a loita contra a discriminación.

Todo iso para "pór a Galicia na vangarda do feminismo cun modelo que xa existe nos países nórdicos", incidiu Pontón, que tamén se comprometeu a introducir cláusulas na contratación pública a través dunha lei que "blinde" que non se financie con diñeiro público "a discriminación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta