Por gcdeportes | A Coruña | 19/01/2015 | Actualizada ás 23:16
Tralo 2-1 de Balaídos na primeira volta, xa hai data para o segundo asalto do clásico do fútbol galego: o Dépor-Celta (xornada 24ª) xogarase o sábado 21 de febreiro ás 22.00 horas en Riazor.
A LFP de novo coloca o derbi galego ás dez da noite, para deste xeito 'dificultar' o desprazamento dos seareiros, pero alomenos este será no medio da fin de semana (na primeira volta, xogouse un martes ás dez da noite). O partido é o elexido por Mediaset para retransmitir en Energy TV.
Aínda que faltan catro xornadas por disputarse, e a pesares das traxectorias tan dispares, hoxe en día o Dépor está tan só a catro puntos do Celta: os de Berizzo con 21 puntos, tras sumar só dous dos últimos 27, e os de Víctor Fernández con 17, tras acadar sete dos últimos 15. A xornada anterior ao clásico (a 23ª), o Dépor visitará o Bernabéu (sábado 14 de febreiro ás 18.00 horas) e o Celta recibirá en Balaídos ao Atlético de Madrid (domingo 15 ás 21.00 horas).
No derbi da primeira volta, Nolito adiantou ao Celta no minuto 3, Isaac Cuenca empatou no 55 e Larrivey marcou o definitivo 2-1 no minuto 72. No 89, Medunjanin errou un penalti. En pretempada, na primeira Copa Federación Galega en Pasarón, o Celta gañara 2-0 ao Dépor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.