Físicos defenden que o cambio de hora permite conseguir máis horas de lecer diúrno

Recomendan realizar unha adaptación preventiva alterando a alarma do espertador

Por Galicia Confidencial | Galicia | 09/03/2023 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

O cambio estacional de hora non afecta á duración do período de luz diúrna, senón que permite optimizar o seu uso aproveitando a luz matinal para realizar actividades e así conseguir máis horas de lecer diúrno.

O investigador Jorge Mira
O investigador Jorge Mira | Fonte: Arquivo

Este é o eixo sobre o que se asenta o artigo que os profesores da USC e da Universidade de Sevilla, Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla, acaban de publicar na revista Sleep e na que analizan a naturalidade e utilidade do cambio estacional da hora en resposta a un manifesto da Sleep Research Society que pide o seu fin en Estados Unidos e a adopción da hora de inverno de forma permanente.

En relación co cambio de hora que en Estados Unidos terá lugar o próximo 12 de marzo, os investigadores consideran que “a cancelación da práctica non mellorará o escenario actual no rango de latitudes sobre o que se sitúa Estados Unidos”.

Con todo, opinan que o cambio de primavera chega cedo en Estados Unidos, e o cambio de outono atrásase demasiado, o que incide especialmente nas persoas con xornada laboral máis adiantada.

Os investigadores continúan sinalando que as sociedades modernas, rexidas por horarios preestablecidos, só poden regular estacionalmente a súa actividade a golpes dunha hora, como se fai co actual cambio. Os inconvenientes momentáneos desta alteración, segundo os expertos, compénsanse cunha mellor aliñación do inicio da actividade co amencer.

PREADAPTACIÓN

Os autores subliñan o feito de que o día invernal é curto, o que condiciona a actividade humana; mentres que a noite estival é tamén de menor duración, o que condiciona a conciliación do soño; e iso con independencia de facer ou non o cambio de hora.

A maior preocupación da comunidade cronobiolóxica e do sono reside nos riscos que produce o salto dunha hora. Neste sentido os autores propoñen unha adaptación preventiva alterando, por exemplo, a alarma do espertador nas semanas anteriores ao cambio de primavera en catro etapas de quince minutos, tres etapas de 20, ou dúas de 30.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta