Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2023 | Actualizada ás 13:31
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, apelou a "revalidar e aumentar" a confianza cidadá nas próximas eleccións municipais fronte a un Partido Popular "moi nervioso" e que representa á "política destrutiva".
Nunha rolda de prensa celebrada este luns despois de que o Comité Nacional do PSdeG aprobase o sábado 231 listas para esta cita electoral, Álvarez apuntou que o catro anos de "duro esforzo" nos gobernos municipais, así como os resultados da xestión da pandemia e das consecuencias da guerra de Ucraína permitirán "revalidar e aumentar" esta confianza nas candidaturas do PSdeG.
O responsable socialista presentou como aval a xestión dos 110 alcaldes e alcaldesas do PSdeG fronte a un PP "moi nervioso" ante a cita electoral e situou aos conservadores como "ausentes" das grandes inquietudes de Galicia.
"O PP", dixo, "está situado detrás dun presidente incapaz de ofrecer solucións aos problemas dos galegos porque está aferrado ao mastro do barco que pilota un capitán errático como Feijóo, que espera atracar na Moncloa por un golpe de sorte".
Así mesmo, criticou que o seu único argumento sexa confundir as eleccións municipais coas xerais, o que evidencia unha "falta de confianza moi preocupante na súa capacidade política no ámbito municipal".
Neste sentido e utilizando o argumento que atribúe ao PP, sinalou que "non parece mala opción apoiar a un goberno que puido xestionar o país nunha concatenación sen precedentes de escenarios adversos.
"Votarlles a eles nas municipais é avalar unha política destrutiva, que non só non quere axudar, senón que se empecina en obstaculizar con cada medida, como fixeron contra os fondos Next Generation, o aumento das pensións ou a reforma laboral", incidiu.
Ademais, coincidindo co terceiro aniversario do inicio do confinamento, Luís Álvarez sostivo que todos lembran as roldas de prensa do actual líder do PP "negando as evidencias e adoptando unha postura puramente victimista durante o confinamento".
Tamén reivindicou a autonomía do PSdeG fronte ao Goberno central. "Temos votado sistematicamente as reclamacións fronte ao Estado cando son boas para Galicia", dixo para pór como exemplo as melloras nas infraestruturas ou na defensa dos agricultores e pescadores. Fronte a iso, sinalou que Alfonso Rueda "hierra" ao non mirar para o seu partido, que "nunca" votou para reclamar melloras para Galicia durante os gobernos de Rajoy.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.