Científicos galegos traballan no maior acelerador de partículas do mundo

Un terzo do persoal investigador do Instituto Galego de Física e Altas Enerxías está vinculado ao CERN europeo

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 13/03/2023 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este luns a sede da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), na cidade suíza de Xenebra, para coñecer o traballo dun grupo de científicos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) neste centro que alberga o maior acelerador de partículas do mundo.

Román Rodríguez fixo un percorrido polas instalacións, nas que lle explicaron o funcionamento da máquina e a importante función que desenvolve o centro, á vez que mantivo un encontro cos científicos galegos para coñecer os proxectos de investigación universitaria que desenvolven.

O Igfae, un centro mixto da Xunta e a USC, é un dos oito integrantes da Rede de Centros de Investigación de Galicia e creouse en 1999 para coordinar a participación da comunidade española de física de partículas no CERN.

No caso concreto de Xenebra, froito desta colaboración, unha parte dos investigadores deste centro realizan fisicamente o seu traballo na cidade suíza, mentres que outros o fan a distancia, desde Santiago de Compostela, compaxinando con visitas regulares ao país para a súa participación en proxectos nucleares de ámbito internacional.

"MOI ORGULLOSO" DOS GALEGOS

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidades dixo sentirse "moi orgulloso" do labor destes científicos, da súa contribución ao avance social e tamén "da súa maneira de facer país desde a investigación máis punteira".

Ademais, reivindicou que a colaboración entre o Igfae e o CERN "é a proba evidente do grandísimo nivel" das universidades e centros de investigación de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na súa visita ao acelerador de partículas de Xenebra
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na súa visita ao acelerador de partículas de Xenebra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta