Charlie Hebdo, libre expresión e sentido común

Perdón pola ruptura neste punto có sentir común, pero, sen desbotar nada diso, eu suxeriría outro enfoque, non substitorio senón complementario. Para empezar, pode que o máis asisado sexa pisar terra, e considerar se non estaremos xa a vivir en ex-democracias que paseniñamente vanse facendo cada vez menos liberais e constitucionais.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 30/01/2015

Comparte esta noticia
Co gallo do terrible atentado contra Charlie Hebdo debátese agora moito en Europa se a libre expresión inclúe tamén o dereito a provocar, exercido por esa publicación e outras, posición que defenden non poucos. No caso do dereito español, non é tan doada de defender; abonda unha ollada á Constitución (arts. 18 e 20), pero mesmo nos Estados Unidos xa dixera en 1919 o famoso xuíz Holmes que a libre expresión ten os seus límites e que non se pode berrar “¡lume!” nun teatro ateigado de xente (caso Schenck v US).
 
Aínda que nestes intres esas preocupacións son ben lóxicas, ¿non nos estará a pasar como có ébola, que de súpeto todos esquecemos que a tuberculose segue a matar moito máis, un ano con outro? Desas preocupacións que vense nos medios por Charlie Hebdo e o dereito a provocar, poucas amosan unha comparable preocupación polos recortes cotiáns da libre expresión nos nosos países. Insultar á policía —cousa normal dende as orixes dos tempos, mesmo baixo a ditadura de Franco— podería agora ser sancionado con multas non moito menores que algúns dos soldos mensuais de hoxendía. E algunhas desas restricións á libre expresión xa están a botar reigaños entre nós, como, por exemplo, as diversas “fobias” (sen excluír a islamofobia no Reino Unido), a española apoloxía do terrorismo, e, en xeral, todo a suma de hate speech máis corrección política. Engádase últimamente o que nos faltaba, o arrepío a expresarnos por un móbil. Os exemplos son xa milleiras, pois algunhas desas restricións xa penetraron na educación e mesmo na linguaxe, converténdose así nunha especie de thought policing indirecto pero máis eficiente que a “policía das palabras” que disque defendía Confucio. No ano 2004, o pastor luterano Ake Green, por desaprobar moralmente a homosexualidade nos seus sermóns, foi condenado a un mes de cadea ao abeiro da lei sueca de hate speech (ainda que recurriu ao Tribunal Supremo, con éxito). Non me sorprendería que calquera día prohíbannos aos profesores criticar a austeridade, ou a Montoro, ou a UE, ou defender o keynesianismo (xa prohibido polos Tratados europeos); ou ben —e eso sería peor que o simple prohibir— que inclúan eso no pack da corrección política/hate speech mediante unha desas cláusulas transversais que, como o IVE, non deixan escapar nada. Exemplo: “en toda actividade docente partirase dunha perspectiva de austeridade, equilibrio orzamentario e respecto ao novo art. 135 da Constitución”. ¿Que esaxero? Un chisco, sí, esaxero; pero fagan vostedes a proba: pidan un proxecto de investigación, para ser redactado en galego, sobre un tema totalmente improdutivo, como filosofía pura, e a ver qué resposta o Ministerio.
 
Có infausto motivo de Charlie Hebdo andamos a debater se a libre expresión abarca ata os terreos máis lonxanos e discutíbeis, pero, con todo,podería estar a escapársenos a cotío aquí. O cidadán medio non anda a pescudar no “Arte de Injuriar” de Borges como golpear onde máis doe, pero tal vez se manifeste contra o anti-desemprego, ou ben pode que, no fragor dos preferentistas defraudados, se lle quente a boca e alcume ao policía que ten máis preto de si.
 
Está ben laiarse pola violencia contra Charlie Hebdo —e eu son o primeiro—, pero non esquezamos que tamén se lamentan, igual ou máis que todos nós, os poderes reais que recortan as nosas liberdades. E mentres fan as proclamacións máis solemnes do mundo, están tal vez a argallar un novo dereito penal “do inemigo”, un novo blindaxe legal da policía ou un novo recorte das liberdades de reunión e manifestación. Non digo que todo isto sexa unha maquiavélica manobra de distracción, pois ninguén xoga a instrumentalizar esas vidas, pero, como cuestión teórica e de principio, e a seguido de lamentar sinceramente as perdas en vidas humanas, ¿deberíamos nós invertir o tempo en preguntármonos se existe o dereito constitucional a meter o dedo no ollo (por así decilo), ou deberíamos antes decatarnos das vías de auga? Tal vez o que pasa é que, como diciamos ao principio, igual é que xa estamos con medio pé nunha ex-democracia cada día con menos dimensión liberal e constitucional. De ser así, as peores ameazas a longo plazo non serían as dos terroristas contra a libre expresión provocadora (que tamén), senón as dos gobernos contra as liberdades en xeral. (Nota: España non sería propiamente “ex”, porque quen nunca dou chegado non pode estar de volta).
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.