O Tribunal Supremo ratifica a relación laboral de persoal "falso autónomo" contratado por Servicarne

Os servizos xurídicos da CIG preparan os recursos para que se lles recoñeza a estes traballadores a antigüidade íntegra na empresa principal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2023 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado por SADA PA Castilla Galiza e Servicarne contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Xulgado do social número 2 de Lugo, de forma que confirmaron a existencia de relación laboral entre a empresa propietaria dos matadoiros de aves e coellos e o persoal contratado a través da "falsa cooperativa".

O auto do TS declara a firmeza da sentenza do alto tribunal galego e contra ela non cabe recurso de ningún tipo, segundo informou a CIG.

Así, os ao redor de 160 traballadores que levan anos loitando contra a "explotación laboral" pechan agora un ciclo de litixios xudiciais e obteñen o recoñecemento pleno dos seus dereitos como ersponal propio de SADA PA, segundo explica o sindicato. Esta empresa foi adquirida por Vall Companys, unha das principais compañías do sector cárnico, o pasado ano.

A inadmisión do recurso implica tamén que o persoal poderá iniciar a reclamación da devolución das cotas pagas indebidamente á Seguridade Social entre 2013 e novembro de 2017, tempo no que estiveron a cotizar no régimn de autónomos. A propia administración estimou en máis de 5,6 millóns de euros a débeda de falta de pagamentos por parte de SADA.

Os servizos xurídicos da CIG preparan os recursos para que se lles recoñeza a estes traballadores a antigüidade íntegra na empresa principal.

A CIG tamén lembra que estes traballadores xa foron dados de alta de oficio en novembro de 2017 no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo, a pesar do que a empresa "tentou perpetuar a situación de precariedade, negándose a asumir a totalidade do persoal e chegando a realizar un proceso de selección" a través do que pretendía "modificar" as condicións laborais.

Ademais, a CIG manifestou que "tampouco faltaron os despedimentos nin as represalias por parte do Grupo SADA contra as persoas que formaron parte das candidaturas" deste sindicato.

SENTENCIA MAIO 2020

En maio de 2020, transcendeu que o Xulgado do social número dous de Lugo declarou a existencia de relación laboral entre un matadoiro de aves e coellos en Castro de Rei --SADA P.A. Castela Galicia-- e 167 falsos autónomos de Servicarne, sobre o que cabía recurso, que agora se resolve de forma definitiva co fallo do Supremo.

Nos feitos probados figuraba que nunha visita de inspectora ao matadoiro constatouse "a inexistencia da realidade da cooperativa Servicarne" ao non contar cos elementos configuradores deste tipo de sociedade como "carencia de estrutura propia". Así, identificaba "unha fraude de lei" coa inexistencia de contrato de prestación de servizo entre a falsa cooperativa Servicarne e o matadoiro. Previamente, tamén se manifestou neste sentido o Xulgado do Social Número 3 de Lugo.

Rueda de prensa de CC.OO. sobre Servicarne
Rueda de prensa de CC.OO. sobre Servicarne

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta