Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2023 | Actualizada ás 17:02
O xuízo contra a empresa Lidl, acusada os traballadores da plataforma loxística de Narón de abastecer os seus supermercados con produtos doutros almacéns e mobilizar a traballadores doutras plantas mentres o persoal está en folga, quedou visto para sentenza.
A vista iniciouse pasadas as 12,30 horas e, previamente, os empregados desta compañía, que cumpren nesta xornada 43 días en folga indefinida reclamando que se cumpra o seu convenio colectivo, a contratación de máis persoal e unha mellora nas súas condicións laborais, concentráronse ante a sede xudicial, na rúa Coruña de Ferrol.
O secretario do comité de empresa, Hugo Fernández (CIG), criticou á dirección, xa que "non lles importan os traballadores que levan máis de 40 días na porta, desde o 14 de febreiro". "Non senta nin a escoitar o que pedimos", reprochou.
Así mesmo, considerou que teñen "unha actitude chulesca, limitándose a contratar seguridade privada para eles", coma se fosen "uns delincuentes". A pesar disto, destacou "a unión" de todo o persoal. "Estamos nesta folga o 100%, ademais de traballadores temporais, que o teñen máis difícil para secundar unha folga deste tipo", detallou.
Ao mesmo tempo, insistiu en que a patronal "fai ilegalidades", ao trasladar doutros centros loxísticos a mercadoría para os establecementos de Galicia, Asturias e parte de Castela e León.
Neste sentido, relatou que se despois de máis de 40 días de folga hai mercadoría nas tendas e non teñen as persianas baixadas, "está claro de onde veñen, xa que eles preferirán vulnerar o dereito á folga e seguir vendendo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.