Realidades paralelas

Hai tempo que non me asomaba por esta fiestra de pluralidade, para comentar as miñas inquedanzas, sobre o que pasa nesta Galicia moribunda, na que os seus responsables campan ás súas anchas, mentres unha parte do pobo vive na inacción e a outra comulga con rodas de muiño.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 09/02/2015

Comparte esta noticia
¡Agora estou centrado en Lalín, terra de sabios, canteiros e pintores, poetas labregos e demais, como di o noso himno, composto hai anos por Ricardo Couto. Esta Vila que durante moitos anos foi a envexa de Galicia, polo seu desenvolvemento, e a súa forza produtiva, vive agora unha fondísima crise económica, que semella non existir na realidade paralela dun goberno municipal, presidido polo alter ego de Rafael Louzán, chamado José Crespo. Unha realidade distinta á que viven os lalinense que fala de taxas de desemprego por riba dos 1.800 postos de traballo, e do peche de empresas en niveis  descoñecidos nesta Vila, que asustan.
 
O goberno do PP lalinense vive nunha permanente obsesión de promoción gastronómica, como única vía de escape cara ningún lado, que é unha demostración de manual de libro, de cómo un proxecto pode estar esgotado. Esta mesma semana, o ínclito alcalde, anuncia nos medios de comunicación un chamado “parque do cocido”, no que os nenos poderán facer xogos con grelos, e subirse a potas xigantes, provocando a gargallada de media Galicia, e comentarios moi críticos nos off the record da cúpula do seu propio partido. 
 
Lalín está chamada a un cambio xeracional de dirixentes, que teñan clara a vocación de servizo público acotada no tempo a 8 anos. Remata ese vello concepto do “político profesional”, que pode botar 25 anos no poder, sen ter profesión coñecida á que regresar. As renovacións son boas para a credibilidade da política e das institucións, e Lalín é un caso paradigmático desa necesidade. A mediocridade instalada no Concello, engadido ao servilismo de algúns que viven instalados na permanente traxicomedia grega, fan un cóctel explosivo que ten como consecuencia a situación actual de depresión social e económica desta Vila. Temos posibilidades de regresar a ese futuro tan esplendoroso que tivemos en outras décadas, mais para iso non so hai que cambiar os actores principais, senón tamén as políticas… e ter claro que as prioridades pasan por atacar o desemprego, por atraer proxectos empresariais sólidos, por non fagocitar a sectores como o hostaleiro e de comercio con medidas represoras e fascistas, senón por todo o contrario. Todo isto ten que partir do convencemento de que non es unha formación destinada a sacar o mellor resultado posible na oposición, como semellan transmitir os demais, senón auténtica alternativa de goberno.
 
Lalín ten futuro, mais a responsabilidade para que sexa posible ese cambio, é de cada un dos seus veciños.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.