Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/02/2015 | Actualizada ás 09:00
“É a máis próxima ao equipo de Pablo Iglesias”. Deste xeito defendeu este xoves a secretaria de Análise Política e Social de Podemos, Carolina Bescansa, o seu apoio á candidatura de Breogán Riobóo, de Claro que Podemos, a erixirse en líder da formación en Galicia.
“O que tentamos é crear unha estrutura máis coherente desde o punto de vista organizativo e político", dixo Bescana ao dar o seu apoio explícito a unha das catro candidaturas que se presentan para implantar o espírito de Podemos en Galicia. “En calquera organización que sexa democrática coexisten proxectos diferentes, completamente lexítimos, e cada un cos seus puntos de vista sobre como construír a organización e cales son as estratexias políticas", indicou.
Pola súa banda, Breogán Riobóo eludiu falar de favoritismos aínda que considerou, "con toda a humildade", que a de Claro que Podemos é "a mellor opción", aínda que valorou que "o positivo" é "a pluralidade" que existe na organización, na que "todas as candidaturas achegan".
“Podemos non incorrerá, desde Galicia, nos erros históricos dos partidos estatais que, por exemplo, sobre o sector naval deciden unha cousa a nivel municipal e logo no Congreso bótano para atrás", dixo. "Esa dobre vara de medir, ese erro histórico con Galicia, non o imos a cometer. Que as cousas se fagan desde aquí para aquí", proclamou.
Ademais, fixo fincapé en que, de forma maioritaria, a sociedade galega "entende que hai un baleiro moi importante" no mapa político da Comunidade, pois non existe "un proxecto alternativo ao PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.