Carme da Silva (BNG): "Temos a responsabilidade de liderar a alternativa en Galicia"

Galicia Confidencial entrevista a concelleira do BNG de Pontevedra Carme da Silva, quen é a encargada de coordinar a campaña da formación nacionalista nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Para o BNG, a cita electoral local supón unha oportunidade para reforzar o resultado obtido nas eleccións galegas de 2020, ademais de medir as forzas de cara a un posible asalto da Xunta en 2024.

Por José Barros Blanco | Santiago de Compostela | 31/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Vostede conta cunha gran experiencia no eido da política municipal como concelleira do BNG en Pontevedra. Tendo en conta todo o que viviu na súa posición, como afronta a responsabilidade de coordinar a campaña do BNG nas eleccións locais do 28-M?

A concelleira do BNG de Pontevedra, Carme da Silva
A concelleira do BNG de Pontevedra, Carme da Silva | Fonte: BNG

Afronto este reto con moitísima ilusión. Estamos nun momento no que a sociedade galega mira cara ao BNG pola necesidade de construír unha alternativa, e temos a responsabilidade de liderar esa alternativa. As eleccións municipais son un chanzo máis na construción desa alternativa e nós temos a seguridade de que imos ser a forza política que máis imos subir nestas eleccións, conseguindo máis alcaldías e máis concelleiros e concelleiras. Queremos seguir trasladándolle á poboación galega que este país ten futuro.

Menciona vostede que queren construír unha alternativa para Galicia, e que estes comicios xogan un papel importante. Con que expectativas se presentan nesta cita electoral?

Non nos poñemos límites. Non os puxemos en 2020, non o faremos agora e tampouco o faremos nun futuro. As eleccións galegas do ano 2020 marcaron un claro cambio de ciclo. Con este cambio de ciclo, temos o convencemento de que se vai producir tamén nas eleccións municipais unha importante subida dos apoios da sociedade galega ao BNG nos distintos concellos. A sociedade deunos a responsabilidade de liderar a alternativa ao PP e liderar un proxecto que lle dea a este país moitísimos recursos. Para iso, hai que tomar decisións na sociedade galega pensando no futuro da sociedade galega.

Como pensan trasladar ese resultado obtido nas eleccións galegas de 2020 ao que ocorra nas eleccións do 28 de maio?

A xente está mirando cara ao BNG coa esperanza de que este país poña en marcha a transformación que precisa. Iso nós dá unha enorme responsabilidade, pero tamén afrontamos as eleccións municipais co respaldo que nos dá ter un modelo de goberno municipal recoñecido e recoñecible. Os gobernos locais do BNG son un referente a nivel internacional en distintos ámbitos. Pontevedra, Carballo, Allariz, Tomiño, O Rosal, Muras, Barreiros… Son gobernos que devolven a democracia e o funcionamento participativo, que contan coa sociedade para gobernar; gobernos preocupados polo propio, que ademais gobernan desde o coñecemento da nosa realidade. Non trasladan mimeticamente propostas senón que as adaptan á realidade de cada concello porque coñecen o país.

Os gobernos do BNG demostran que confiando nas nosas posibilidades podemos transformar en positivo os nosos concellos, as nosas vilas, as nosas cidades. Unha vez que a sociedade nos dá a confianza para gobernar nun concello, a transformación é moi acelerada e moi rápida. Ese é o aval que temos para presentarnos diante da sociedade galega nas eleccións municipais. O mellor que ten o noso país é a súa xente, e confiando en nós mesmos, todo o futuro está por gañar.

Nestas semanas previas ao comezo da campaña electoral, unha das ideas que máis están trasladando nas redes sociais e nos actos de presentación de candidaturas é a do “modelo BNG”.

Trátase dun modelo que pon as persoas no centro da acción política. Que garante a equidade e o tratamento igualitario de todas e cada unha das persoas. O modelo BNG mostra un profundo coñecemento da realidade na que traballan os gobernos e cunha profunda confianza nos nosos recursos e na nosa realidade. A partir de aí, as decisións e as accións de goberno baséanse en principios fundamentais como a democracia, a transparencia, a equidade e a identidade. Con iso se transforma rapidamente a realidade.

Eu son de Pontevedra, estiven na oposición en Pontevedra e agora mesmo formo parte do goberno en Pontevedra, e penso que un dos aspectos máis importantes que acadou o BNG foi que a sociedade pontevedresa está orgullosa do seu concello. Recuperou a autoestima e a confianza nas posibilidades que temos como sociedade para avanza no futuro, tendo en conta que aínda hai moitísimo que traballar. Esta idea trasládase desde todos os gobernos que ten o BNG ao longo do país, que a partir do 28 de maio serán máis.

Semella evidente que a situación da sanidade galega vai marcar o resultado das eleccións, posto que a Atención Primaria, unha das que máis está a sufrir as consecuencias da precariedade, ten unha ampla relación coa política municipal. Que impacto calculan vostedes que pode ter esta situación e todas as súas derivadas?

O destrozo calculado e planificado que o PP está facendo da sanidade pública é unha das situacións máis graves que está vivindo o noso país. O dereito á saúde, e polo tanto a unha sanidade pública que o garanta, é un dereito fundamental. Por iso nos concellos nos que goberna o BNG, como por exemplo en Moaña, estase a facer un traballo intenso e inmenso para garantir que a Atención Primaria en particular e a sanidade pública en xeral non sigan á deriva que o PP lle ten perfectamente programada para beneficiar á privada.

Nos concellos do BNG, aínda que non conten con competencias sanitarias, estanse desenvolvendo diferentes actuacións para evitar que a Xunta de Galicia non poña escusas e actúe como ten que actuar: os concellos poñen a disposición os terreos necesarios para a construción de novos centros de saúde, dotan eses centros de recursos e intentan melloralos. Imos seguir actuando así porque, sen unha sanidade pública de calidade, para acudir ao médico en vez de o cartón médico haberá que levar o cartón de crédito. O BNG non vai consentir que o PP siga por ese camiño.

Actualmente, dos tres principais partidos en Galicia (PP, BNG e PSdeG), só vostedes contan cunha dirixente cunha traxectoria tan extensa. Á hora de coordinar unha campaña municipal, que efecto ten contar con Ana Pontón á fronte da formación?

A campaña das eleccións municipais é a que máis nos gusta as persoas que vivimos o día da política local, porque é unha campaña moi a pé de terra, en contacto coa xente. É unha campaña intensísima, na que toda a organización dá un paso adiante para axudar a preparar todo, ademais de toda a xente que é simpatizante do BNG e que acode aos actos. A todo isto que comento lle engadimos que temos a sorte de sumarlle a presenza dunha persoa como Ana Pontón liderando o BNG e liderando politicamente toda a transformación que queremos para o país. A efectos de organizar unha campaña municipal, contar cun liderado como o da portavoz nacional do BNG é un aliciente máis.

Semella que, ademais da importancia nos distintos concellos, as eleccións municipais do 28 de maio van xogar un papel importante nos vindeiros meses, coa vista posta nas eleccións galegas de 2024. Pensa que un bo resultado nas eleccións locais podería achegar o BNG á Xunta de Galicia?

As eleccións municipais, que teñen a súa dinámica propia, reforzan a nosa responsabilidade de liderar a alternativa e a transformación desta país, dunha nova Galicia, concello a concello. Esa transformación permitiranos sacar o PP da Xunta nas eleccións galegas, para que deixe de vender os intereses e os recursos do noso país, porque non os están poñendo ao servizo da sociedade galega, senón de quen os espolia.

O PP deixa que eses recursos escapen nunha dinámica absolutamente espoliadora, como levamos vivindo durante anos. Quen lle pode facer fronte a iso? O BNG, a única forza política que non ten máis atadura que o pobo galego. Con ese ánimo afrontamos tanto os próximos comicios municipais como as eleccións galegas do ano que vén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta