Enerxía “verde” para os barcos do Porto de Vigo

A Autoridade Portuaria de Vigo pon en marcha un sistema pioneiro de enerxía a través dun sistema de xeración limpo. Prevese que reduza as emisións anuais de CO2 en 300 toneladas, o equivalente á emisión anual de 62 automóbiles.

Por GC Emprende | Vigo | 11/02/2015 | Actualizada ás 00:48

Comparte esta noticia

O Porto de Vigo acaba de presentar o proxecto Green Port Energy Center (GPEC), un sistema pioneiro que facilitará aos buques atracados a obtención da enerxía necesaria a través de sistemas de xeración limpos, co obxectivo de reducir a pegada de carbono e rebaixar custos.

Porto de Vigo
Porto de Vigo

O sistema GPEC aborda a redución de emisións nos portos facilitando que os buques atracados apaguen os seus motores e obteñan a enerxía a través dun sistema de xeración limpo de enerxía eléctrica e térmica instalado no porto, concretamente, nun colector móbil.

O mencionado colector pode colocarse a pé de peirao, sobre unha barcaza ou no propio barco a través dun guindastre convencional e, tras as probas realizadas no buque Sarmiento de Gamboa, prevese que reduza as emisións anuais de CO2 en 300 toneladas, o equivalente á emisión anual de 62 automóbiles.

No proxecto participaron as empresas Internaco, Key Plan, Vicus DT, Inabesa, Emenasa e Inova, así como o Campus do Mar e o Itmati. GPEC contou cun orzamento que rolda os 1,8 millóns de euros, boa parte dos cales foron obtidos a través de fondos europeos. 

O presidente da  Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Ignacio López-Cháves, destacou que, tras un ano e medio de traballo, obtívose un sistema que permite á institución portuaria continuar na senda para que o de Vigo se converta "nun porto verde". López-Chaves, lembrou que a condición natural da dársena viguesa, coas Illas Cíes á entrada da ría, require deste tipo de investimentos en enerxías limpas, que ademais poden ser aplicadas á recentemente inaugurada Autoestrada do Mar "para facela máis ecolóxica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta