A relación entre o voto e o proxecto político é moi aleatoria. As organizacións políticas difuminan case sempre o seu proxecto en beneficio de acadar o máximo apoio posíbel a súa alternativa e afrontan as campañas cunha serie de promesas para o futuro. O seu facer, debería ser o muro de carga onde o electorado tería que apoiar antes de decidir, a quen votar?.
As campañas electorais son unha especie de fuxida cara adiante. Debuxan un futuro de promesas, esquecendo intencionadamente a xestión. A obriga dunha rendición de contas non existe e o debate, tanto institucionalmente como publicamente, é para outras cousas. A dinámica destes procesos está viciada. É unha especie de competición na que os seus resultados serven para resituar, de novo, tanto a gobernanza como a oposición. Votar debe ser comprendido exclusivamente como un exercicio democrático, no mellor dos casos, para tentar cambiar que as cousas públicas sexan xestionadas doutro xeito.
Deixarei para outro artigo as diferentes causalidades da deriva, a corrupción, o seguidismo militante e acrítico, o pesebrismo subvencionado, a confianza cega e sen control dos liderados, a incredulidade e a desconfianza na política en xeral tendente hoxe ao "pasotismo" tanto ilustrado como o da burramia que case sempre está baseado na irracionalidade, na conveniencia, no subxectivismo e nos prexuízos. Hoxe, conformarei con facerme comprender da necesidade e do interese de participar de calquera xeito na política e agrandarei este concepto no relativo ao nacionalismo galego porque do contrario, máis cedo que tarde, achegaranse á irrelevancia no deseño das políticas e por esa vía a un certo suicidio dunha alternativa tan necesaria para a Nosa Terra.
Se a clave de bóveda onde asenta a democracia é o principio: o pobo é quen máis ordena, non deberiamos consentir que o voto fose un cheque en branco para calquera iniciativa ou acción política da representación obtida nas urnas. Por moito que o sistema representativo camiñe a pasos axigantados cara á delegación permanente, compre esixir unha participación activa nas leis e nos regulamentos de funcionamento das Institucións. Isto non é populismo. É unha garantía fronte a esa deriva. Para min, o voto cada 4 anos é unha das posibilidades que me ofrece o sistema. Mais non deberá ser a única. Acredito en máis posibilidades no exercicio da participación política. Cando decido votar resolvo sinxelamente cunha pequena análise do que fan e fixeron as diferentes organizacións competidoras, as súas ofertas programáticas e as miñas demandas no campo da política. Non negarei que tamén acredito algo na miña intuición e no seguimento co peneirado conveniente que fago acotío da dinámica informativa e non sempre estou disposto a votar, porque absterse non é un demérito en política, senón que tamén é unha opción democrática.
As eleccións non deixan de ser unha cuestión táctica que, segundo os aparatos de organización e propaganda precisan os liderados máis a equipa de acompañamento para acadar os maiores apoios. Namentres o proxecto político é o instrumento construído para desenvolver a estratexia necesaria para permitir acadar uns obxectivos definidos e, se acaso, redefinilos nos debates congresuais logo dunha revisión de conxunto desa mesma organización. Mais a política non remata no entramado interno, na representación, nin no voto. A secuencia ten moitos máis actores e actrices interesados en desenvolver o seu papel, por iso hai que volver ás rúas, hai que crear máis e mellor organización e conciencia política, hai que deixarse de lerias. O pensamento único e unha peza de museo, o pluralismo é unha necesidade de supervivencia en calquera proxecto social e político. Hai que esixir e ser esixente cos liderados, o personalismo sempre é unha fonte de problemas.
Non acredito que o sistema xudicial sexa quen garante e controla a democracia. Na frase tantas veces dita e cantada,...temos que salvarnos nós mesmos…, xa se precisa a necesidade da participación e da vixilancia da maioría social para reiventar a democracia e non deixala morrer.
O electorado galego ten comportamentos propios e semellantes aos doutros territorios, demostrables ao longo dos diferentes procesos. Non me vou deter, agora, en todas as variábeis. Só nun aspecto. Cando o PSOE perde apoios no Estado, algúns deles van cara a outras expresións políticas españolistas e outros ao nacionalismo. É contrariamente cando o socialdemocracia con esa denominación tan pouco rigorosa, colle folgos na oposición e sitúase de novo en condicións de gañar a gobernanza do Estado, todo este electorado é recuperado e tamén aproveita das transferencias da dereita e do nacionalismo. Até agora, dita secuencia foi unha constante tamén na Galiza. A teoría dos vasos comunicantes no electorado é aplicable en tódolos eixos. Logo de Zapatero e Raxoi temos novas variables con Vox e Podemos a nivel estatal e tamén algunhas máis nas "nacionalidades históricas", chamadas así na Constitución de 1978. Todas as intentonas do sucursalismo dependente do españolismo demostraron a súa inviabilidade, con maior ou menor clareza nestas tres Nacións.
Esta resultante , queirámolo ou non, desta vez, fixou o eixo principal no confronto esquerda- dereita, impoñendo a súa tese e conformando a coalición para gobernar. Dunha banda o progresismo e pola outra, o conservadurismo. Dita obxectivación permitiu formular a seguinte conclusión: a suma de esforzos entre as representacións obtidas nos procesos electorais no Estado Español ten a utilidade sempre no eixo citado anteriormente e ningures no do españolismo-nacionalismo. Consecuentemente as políticas aplicables e as negociacións nas coalicións para gobernar terán que estar encadradas no marco constitucional e autonómico preexistente. O soberanismo gañador é o de España única nación posible e a autodeterminación faise inviable. Outra cousa son algunhas concesións ou melloras relativas os garantes da coalición. Mais a lóxica demostra que, nestes ciclos a vampirización do voto sempre remata favorecendo ao PSOE ou o PP.
Curiosamente, este fenómeno é observable tamén en todas nacións sen estado pero en Galiza é moito máis determinante. Cal pode ser a causa diferencial? O deseño electoral no Estado Español, dificilmente vai a permitir que o nacionalismo galego sexa un condicionante da política española neste sistema electoral. Na miña análise (que levo mantendo desde hai anos) o nacionalismo, máis e mellor organizado, o Bng é o que ten que tomar a iniciativa para tratar de saír deste circulo vicioso. Historicamente foi sempre máis conflitiva a pelexa pola hexemonía no espazo nacionalista que o acordo dalgún sector deste para gobernar co "españolismo progresista". Revisando as crises, e facendo unha análise pousada todas tiveron este común denominador. Tamén é verdade que houbo unha fase de goberno bipartito (PSOE+BNG) que non foi de moita utilidade mesmo para demostrar que na Galiza, a socialdemocracia tería un comportamento semellante ou de reprocidade, no caso de manter o Bloque unha segunda posición na disputa electoral nunhas eleccións galegas e permitir por esa vía un achegamento maior da sociedade galega ao nacionalismo
A dialéctica electoral española vai reconducir de novo as relacións entre os partidos tradicionais. Logo dos resultados (coa vitoria do PP e a transición obrigada do PSOE ), miraremos como pouco a pouco o vello bipartidismo que caracterizou a política con algunha que outra eiva, volverá a conformarse e a instalarse en Madrid e obrigará a unha recomposición das tácticas e estratexias en todas as organizacións políticas.
O Bloque terá unha certa ledicia. Compre que analice ben os resultados e comprenda as transferencias do voto e porque se producen. Hai maior conciencia nacional? Pode que o electorado valore o traballo local e non supoña unha maior conciencia nacional e só supoña un maior peso especifico no interior da organización. Mais o crecemento no número de votos e de representantes no Parlamento, ao meu entender debera servir para formular unha proposta para gobernar e non para seguir na oposición. Os votos das transferencias abren unha fiestra de oportunidade. No meu entender o BNG, debera aproveitar este momento de recomposición e non conformarse coa hexemonía no nacionalismo galego, nin acreditar nun liderado acomodaticio coa situación.
Galeg@s, Vas@s e Cataláns precisamos impulsar o proceso de autodeterminación, atraveso da libre decisión dos poboadores de cada unha das nosas unidades territoriais (Nacións sen Estado), para un novo futuro estatuto político.
Hai que camiñar nunha nova conformación do GALEUZCA. E para iso, necesitarase dunha política de unidade nacionalista en cada un destes territorios. As dificultades, os atrancos e as decisións políticas que pode promover o bipartidismo son moitas máis. Para termar do noso tecido social e dunha posíbel asimilación españolista é preciso valentía para mover a ficha no taboleiro da política, tanto nestas Nacións (poñendo proa aos problemas no interior), como no Estado español e na Europa. O reto primeiro é interno e non externo.
As dificultades nacen coa dependencia que supón ir da man, tanto da dereita como da esquerda. Precísase de moita creatividade para dar unha resposta acaída o crecemento no apoio social. O problema é irresoluble se perdemos a capacidade de forxar a unidade interna e externa coas outras nacionalidades defensoras do proceso de autodeterminación. Senón é así, o risco é que dito concepto quede petrificado para sempre, só nunha consigna.