A Audiencia de Pontevedra obriga a revisar o plan de reestruturación de Hiperxel

Foi estimada a impugnación dalgunhas empresas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Pontevedra estimou a impugnación exposta por Novicap Limited, Finanzarel e Finalbion contra o auto ditado polo Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, no que homologou o plan de reestruturación promovido por Xeldist Congelados, o holding de Hiperxel.

Desta forma, na sentenza, con data do pasado 10 de abril e contra a que non cabe presentar recurso, declarou a non extensión dos efectos do plan aos acredores impugnantes, polo que susbsisten os efectos da homologación fronte aos demais acredores e socios.

"Existe unha desproporción insalvable entre, para uns acredores ordinarios, de quitas do 20% ou do 50%, e mesmo nalgúns casos sen quita algunha, máis unhas esperas entre 4 e 6 anos, e unha quita do 85%, cunha espera de 6 anos, aos acredores financeiros, dos que forman parte os impugnantes", subliña o tribunal.

Ao tempo, destaca que "o pasivo afectado que vota a favor do plan supera en pouco os 2.600.000 euros, mentres que os acredores arrastrados superan os 7.700.000 euros; certamente os acredores financeiros superan escasamente os 3.300.000 euros, e os acredores impugnantes, en concreto, superan en pouco os 2.100.000 euros".

Os xuíces aseguran que estes datos "dan unha idea da desproporción, non só cos acredores do mesmo rango que non sofren quita algunha, e que coa formación de clases foron esenciais para alcanzar a maioría simple, senón mesmo con outros acredores ordinarios que, aínda que non impugnaron a homologación, non votaron a favor do plan, e que poden elixir entre quitas do 20% e do 50%, con esperas de 5 ou de 6 anos, respectivamente".

Tenda de conxelados Hiperxel en Vigo
Tenda de conxelados Hiperxel en Vigo | Fonte: paxinasgalegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta