España, autoritarismo 2.0?

Tócanos vivir nun momento no que a herba escorrégase por baixo dos pes e as apariencias enganan, mesmo manténdose as fachadas, así que se non queremos ser superficiais debemos facer xuicios de fondo. España proclámase un estado, pero xa non o é; proclámase soberana, e xa non o é, proclámase asemade democrática, pero xa pasou o ecuador do autoritarismo/postdemocracia/despotismo. ¿Paga a pena seguir a teimar con que España é un estado soberano? ¿E con que é unha democracia?

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 24/02/2015

Comparte esta noticia
Na memoria de Gerardo Pereira Menaut. RIP
 
 
A cousa é sinxela: o constitucionalismo —goberno limitado, consentido e conforme ao dereito— ten tres ou catro elementos senlleiros: imperio do dereito, división de poderes, libertades públicas e máis ‘accountability’ (posibilidade de esixir responsabilidades ao gobernante). E ningún déles está moi boiante hoxe na España, nonembargantes as apariencias de democracia formal. Débese notar que o non estar moi boiante non a volve prescindible, pois ninguén tiraría un neumático gastado sin ter outro millor a mán. Esa democracia incompleta e controlada foi en 1978 un modesto progreso, máis modesto do que se trompeteaba, pero suficientemente real como para aínda hoxe vivir del; o malo é que non foi quen de resistir a involución autoritaria.
 
Polo tanto, se queremos comprender á España de hoxe, o máis realista pode ser constatar o feito do autoritarismo (ou como se denomine) e deixar de falar de España como unha máis que razoable democracia. Na realidade, vostede non ten nin dereito a concorrer ás eleccións, como tampouco ten un deputado a quen se dirixir. Insistir nas hispánicas glorias da Transición (aínda que algunha ‘gloriña’ si tivo) e da democracia, sirve só para amansar ós cidadáns e reforzar ós poderes públicos cun inmerecido plus de lexitimidade.
 
A última novidade é o decreto de Wert, outro caso de ‘rule by fiat’ (ou sexa, o contrario do ‘rule by consent’) aprobando unha reforma universitaria contra os desexos de todos, mesmo contra un ditame do Consello de Estado. O peor é que o sistema constitucional non o pode impedir por carecer de ‘checks and balances’ (velaí a impotencia do Consello de Estado). E tampouco ‘we, the people’ podemos facer moito (algo máis do que facemos, sí). O peor é, tamén, que non estamos diante dunha cousa aillada: ahí están a insistencia na represión como solución para todo —videovixiancia masiva, radar, multa, cadea, etc.—, o control policial e o control social-cultural orwellianos... Engádase a indefensión das persoas, doblemente indefensas tras convertérmonos en átomos illados, pois ‘Os que Mandan’ xa teñen conta de nos illar dándonos a esgalla liberdades individualistas e inofensivas para eles, como sexo ou consumo. Aínda temos máis: a desativación das universidades, que nin Franco logrou; o intraquilizador dereito penal (eis a eufemística ‘prisión permanente revisable’), os recortes nas libertades de reunión, manifestación e expresión, a blindada posición legal da policía, as desproporcionadas multas, a implacabilidade tributaria e bancaria cós máis febles e, por último e sobre todo, a submisión de toda unha dócil e moldeable sociedade ós poderes públicos, grandes bancos e grandes lobbies culturais.
 
Nada desto é radicalmente novo, nin é ocorrencia dun ministro particularmente polémico. Ollando cara atrás, doadamente se rastrexa un fío dende 1982. Daquela comenzaran moitas sutís técnicas de dominación e ataques á división de poderes; polo xeral suaves e legais ou para-legais, da caste da “Especie de tiranía a temer nas democracias” de Tocqueville. O novo e sofisticado autoritarismo arrancou tras a efímera pero tímidamente liberal UCD, primeiro con F. González, un sedutor máis absolutista que Luis XIV; despois con Aznar, a cara de can; a seguido có prescindible pero destrutivo Zapatero, e agora con esa desgracia para Galicia, para a Universidade e para a democracia, o goberno de Rajoy (Merkel). Ultimamente, o autoritarismo tira a careta; cousa nada galaico-marianística, pero é que tamén tirou con ela a UE, e de que maneira.
 
De todos os fitos desa viaxe eu subliñaría o Felipismo e máis o momento actual, do cal ainda non temos perspectiva, pero dubido que, cando toque, o xuicio sexa brando. Ao Felipismo debeuse (aínda que, en xustiza, non só a él), o quitarlle o aguillón á cultura, a politización da educación, a anestesia capilar da sociedade civil, a consolidación da partitocracia, a deturpación do estado de dereito, con aquelo de defendelo tamén nas cloacas; a desindustrialización (e, con ela, o paro crónico) e máis un capitalismo feroz para aqueles tempos. Tamén morreu (en canto estivera viva, que non era moito) a independencia e suprapartidismo das institucións públicas-non políticas, dende o xustiza á TV pasando polo Museo do Prado e a administración pública. Implantouse tamén de aquela un nefasto principio, hoxe universal: que a política pasou, de consistir en gobernar territorios e institucións, a gobernar a vida personal da xente, o menos liberal e menos galego que se poda imaxinar (“unha vella dixo a outra por un furado na porta: tí goberna a túa vida que a miña nada che importa”).
 
E o caso é que —diciamos— non podemos esperar moito dos poucos freos e contrapesos constitucionais. E tampouco da clásica e hispánica doutrina do tiranicidio, porque —aparte de que eu non a recomendaría—, o tirano desta postdemocracia non é un César, de xeito que poidamos conspirar contra él nos idus do vindeiro Marzo, senón unha constelación estatal-europea-transnacional-financieira.
 
Por último: estas cousas non son tallantemente brancas/negras; non falo dun autoritarismo cen por cen; eso xa sería totalitarismo. Quedan recunchos de liberdade política —eu mesmo estou a exercela agora mesmo— pero non como para botar bombas de palenque. A verdadeira oposición é pequena, emboscada e desartellada e o poder penetra ata controlar os nosos ‘hearts and minds’ (p. ex., agora mesmo, có gallo do novo terrorismo).
 
Pero todo isto terá que quedar para un bo parrafeo arredor dun cocido neste entroido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.