Que prácticas están consideradas como abusos laborais por parte das empresas?

Un documento elaborado pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC) sinala que situacións no ámbito empresarial poden supoñer acoso laboral.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Universitat Oberta de Catalunya redactou un documento no que recolle as principais prácticas desenvoltas polas empresas que poden chegar a supoñer unha situación de acoso laboral. Segundo explica o texto, esta realidade acentuouse desde a pandemia, cando “moitas persoas tiveron que asumir o traballo de compañeiros e afrontar así un reto de autoorganización brutal porque se prescindiu de certo número de persoas".

Protesta ante os xulgados polo xuízo penal por 'acoso' laboral a traballadores do aeroporto no servizo de seguridade. CIG
Protesta ante os xulgados polo xuízo penal por 'acoso' laboral a traballadores do aeroporto no servizo de seguridade. CIG

Para a profesora colaboradora dos Estudos de Economía e Empresa da UOC Gina Aran, non poñer solución a estes problemas deriva nunha situación de estrés continuado no persoal. Porén, moitas empresas recorren ao “despido silencioso”, que consiste en “seguir sen ofrecer melloras nas condicións laborais, optando por illa pouco a pouco os traballadores, co obxectivo de que acaben renunciando ao seu posto voluntariamente”.

Segundo a universidade catalá, a recomendación dos expertos aos traballadores que sofren este tipo de situacións é poñer en coñecemento da empresa o motivo da súa disconformidade e, en caso de que esta non actúe, denuncialo.

PRINCIPAIS DÚBIDAS

Ningunha empresa pode obrigar a superar a xornada laboral máxima anual de nove horas diarias ou 40 horas semanais. Ademais, nos casos nos que existan convenios colectivos, esas xornadas laborais poden ser menores, polo que ningunha empresa pode obrigar a unha persoa a traballar máis horas das estipuladas no seu contrato.

No caso das horas extra aceptadas polo traballador -sempre ten que dar a súa aprobación, excepto nos casos “de forza maior” debidamente xustificados-, estas non poden superar as 80 anuais, e a súa remuneración está estipulada nos convenios colectivos ou no Estatuto de Traballadores. Por outra parte, a empresa tamén pode optar por compensar esas horas extras con descanso no catro meses posteriores a súa realización. Sobre o tempo de formación, este debe ser contabilizado como horas de traballo efectivo, segundo unha sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

As empresas tamén están obrigadas a conceder xornadas reducidas ou intensivas aos traballadores ou traballadoras por coidado de menores de idade ou persoas dependentes. En canto ao cambio de quendas de traballo, estes deberán ser comunicados cun preaviso de 15 días por parte da empresa a través dos trámites formais, sempre e cando supoñan un cambio substancial nas condicións de traballo. Ademais, no preaviso deberán estar debidamente xustificadas as causas do cambio.

No caso de ver vulnerados estes ou outros dereitos laborais, o consello da UOC é poñer en coñecemento da empresa a obriga de respectar tanto o convenio como o contrato. No caso de que isto non ocorra, o traballador ou traballadora debe acudir a un profesional que avalíe se a situación é abusiva e actuar segundo a súa opinión, podendo chegar a denunciar a empresa para exixir o cumprimento das obrigas ou unha indemnización tras a extinción do contrato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta