O PSdeG quere evitar o debate do candidato á Xunta e centrarse nas municipais

Formoso e Bugallo insisten en que a elección do candidato ás galegas ten que ser despois das eleccións do 28M.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia fixará "tranquilamente" despois das eleccións municipais o calendario para elixir o candidato ou candidata da formación á Presidencia da Xunta de Galicia. Así o destacou o xefe de filas dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, nunha rolda de prensa ofrecida este luns no Parlamento de Galicia, onde compareceu acompañado polos viceportavoces parlamentarios da formación.

Na súa intervención, Formoso volveu a sinalar que o calendario que preocupa a "curto prazo" á formación é o das eleccións municipais, ámbito no que se lles transmite "a percepción da cidadanía de cales son as necesidades" e que representa "unha plataforma de referendo das aspiracións socialistas para alcanzar o Goberno da Xunta".

"A primeira etapa son as municipais e, despois, estableceremos un calendario no que imperará aquilo que non só predicamos, senón que practicamos, que se chama democracia interna, que se chaman primarias", manifestou. "Despois das municipais sentarémonos a reflexionar tranquilamente e sobre todo para garantir que o proceso sexa transparente", dixo Formoso, que defendeu que "calquera compañeiro ou compañeira" teña "tempo suficiente" para participar nesa "práctica democrática que se chaman primarias".

Formoso avogou por que a "soberanía e a democracia" teña o "maior dos pesos". "Esa vai ser a prioridade, a fórmula e o máis importante de todo, é que calquera compañeiro ou compañeira teña tempo suficiente para percorrer Galicia e para explicar cal é o seu proxecto de país dentro do PSdeG", apuntou.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

BUGALLO

Por outra banda, o alcalde de Santiago de Compostela, o socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo, cualificou de "precipitado" falar do posible candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, ao ser preguntado polas posibilidades a este respecto do actual delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, tras a súa volta á política.

A preguntas dos xornalistas, na rolda de prensa para informar os asuntos da Xunta de Goberno, manifestou que, ao seu xuízo, calquera decisión a este respecto debe tomarse despois das eleccións municipais. "Estamos a un ano das autonómicas", lembrou Bugallo para quen para o PSdeG "o partido é outro", en referencia aos comicios do 28 de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta