1 de 0 en Opinión Emprende

Non só mais, mais tamén mellor: a mudanza de modelo produtivo

As diferenzas de renda per cápita entre países son enormes. Para ter unha idea da magnitude destas diferenzas abonda con apontar que actualmente o Produto Interno Bruto per cápita medio do 10% dos países mais ricos multiplica por aproximadamente un factor de 40 o do 10% dos países mais pobres. Cáles son as causas destas diferenzas?.

Por Fernando del Río | Compostela | 26/02/2015 | Actualizada ás 08:32

Comparte esta noticia

A resposta a esta pregunta pode emprender dúas vías complementares. Por un lado, uns países poden ser mais produtivos que outros debido a que acumulan mais factores produtivos ou logran maiores niveis tecnolóxicos. Polo outro, a razón da súa maior produtividade podería ser que atribúen mais eficientemente os recursos produtivos entre diferentes alternativas de produción. É dicir, a prosperidade é cuestión non só de mais, mais tamén de mellor. Estas liñas van sobre como facelo mellor.

Para entender a diferenza sirva un exemplo. Supoña que ten que estudar para un exame. A nota que probabelmente obteña no exame vai depender tanto do tempo que dedique a estudar como do xeito en que afecte este tempo. Se estuda 50 horas probabelmente obteña unha mellor nota que se estuda só 30 horas. Hai moitos factores no entorno que poden  motivalo a estudar mais ou menos para o exame. Por exemplo, se acredita en que graduarse en Economía repercutirá moi favorabelmente nas súas oportunidades de emprego e salariais futuras, entón decidirá esforzarse e destinar 50 horas ao estudo. Porén, se considera que rematar os seus estudos non lle ha conceder moitas vantaxes, entón optará por tomalo con mais calma e destinar só 30 horas. Multitude de factores institucionais e doutra índole poden influír na rendibilidade esperada dos seus estudos. Do mesmo xeito, variadas institucións e políticas económicas poden motivar aos axentes económicos a acumular mais capital, a esforzarse mais, a emprender mais ou a innovar mais.  Tal como a súa nota ha depender do número de horas que destine ao estudo, así a renda per cápita dun país ha depender da acumulación, a innovación e o esforzo que realicen os residentes. 

Agora ben,  supoña que decide dedicar 50 horas ao estudo. O mellor xeito que ten de preparar ese exame é dedicando o  50% das horas a repasar os apontamentos que tomou nas aulas e o outro 50% restante a facer os exercicios que o profesor deixou ao seu dispor na aula virtual. Calquera outra afectación ha implicar unha mingua da  produtividade do seu tempo de estudo. Se, por exemplo, un fallo na fibra óptica do seu lar lle impide acceder aos exercicios da aula virtual, verase na obriga de dedicar todo o seu tempo a repasar os apontamentos. Consecuentemente, menor será a súa produtividade e mais difícil terá lograr unha boa nota. Tal como a súa nota ha depender de como atribúa o seu tempo, a produtividade dos países ha depender de como estes afecten os recursos entre distintas alternativas produtivas. E variadas institucións e políticas económicas han influír nesta alocación.

Esta deficiente alocación dos recursos produtivos pode ser unha importante fonte de diferenzas na produtividade entre países. Os economistas Hsieh e Klenow publicaron no ano 2009 un artigo no Quarterly Journal of Economics titulado “Misallocation and Manufacturing TFP in China and India”. Este economistas encontraron que se na China e na India os factores produtivos fosen alocados igual de eficientemente (ou igual de ineficientemente, como se quixer expresar) que nos Estados Unidos, entón a produtividade india e chinesa poderíase duplicar. Este e outros estudos confirman que nos países mais pobres os recursos produtivos están alocados mais ineficientemente que nos países mais ricos e que existe un gran potencial de mellora da produtivade nos países pobres correxindo as causas que dan lugar á alocación ineficiente dos factores produtivos.

Na literatura económica teñen sido exploradas diversas institucións e políticas económicas que xeran a ineficiente alocación de factores produtivos entre plantas, empresas ou sectores. Os economistas Restuccia e Rogerson nun  artigo de 2008 publicado na Review of Economic Dynamics e titulado “Policy Distorsions and Aggregate Productivity with Heterogeneous Establishments” enfatizan o impacto sobre a alocación de recursos dos impostos e subvencións que afectan de forma diferente a estabelecementos con diferente produtividade. Hopenhayn and Rogerson nun artigo de 1993 titulado “Job Turnover and Policy Evaluation: A General Equilibrium Analysis” publicado no Journal of Political Economy mostran como os custos de despedimento xeran unha deficiente alocación do factor traballo entre unidades produtivas cando é precisa unha continua realocación do traballo motivada polo progreso tecnolóxico. A lista de artigos académicos sobre estes asuntos pode ser  extensa. Simplemente sinalar que algúns traballos teñen mostrado como as imperfeccións nos mercados de crédito distorcen a alocación de factores produtivos, outros téñense focado sobre as distorsións causadas polas políticas comerciais proteccionistas, pola panoplia de regulacións, pola deficiente protección dos dereitos de propiedade ou polos elevados custos administrativos da criazón de empresas.

En España, as institucións e políticas económicas que están a xerar unha deficiente alocación dos recursos produtivos son diversas. Debo sinalar en primeiro lugar, pola súa importancia recente, as imperfeccións do mercado de crédito. A existencia en España dun importante sector financeiro –as caixas de aforro- cun deficiente deseño dos dereitos de propiedade e intervido politicamente foi unha das principais causas de que o crédito se destinase masivamente á improdutiva actividade do ladrillo, en vez de terse destinado a outros usos que poderían ter mellorado substancialmente a produtividade da economía española. De ter sido así, esta crise tal vez non tería sido tan profunda e duradeira. As institucións que regulan o noso mercado laboral  non só provocan unha escaseza endémica de emprego mais tamén unha pésima alocación do emprego existente. A produción pública directa en sectores tan importantes como a educación ou a sanidade é outra importante fonte de ineficiencias. As transferencias interrexionais, produto en grande medida dun deficiente modelo de financiamento autonómico, tamén están a trabar a realocación espacial dos factores produtivos.   As numerosas e cuantiosas subvencións a empresas e diversos sectores produtivos permiten a supervivencia de prácticas produtivas ineficientes. Figuras fiscais como o imposto de sociedades e o IRPF repletas de desgravacións e deducións están a realocar os recursos dos xeitos mais insospeitados. A regulación de sectores como o enerxético e o dos transportes,... Podería seguir. Mais, temo estar a resultar canso.  

As reformas estruturais que calquera goberno responsábel debería emprender terían que ter moi presentes todas estas institucións e políticas que distorcen a alocación de recursos produtivos. É o mellor xeito de que a economía emprenda a tan cacarexada mudanza de modelo produtivo. Por que de producirse esta non será produto da planificación gobernamental. Os gobernos non saben planificar, pois non dispoñen da información para facelo ben nen confrontan os incentivos axeitados para  tentar facelo ben. Ao máximo que deben aspirar é a implementar unhas regras do xogo que permitan aos individuos facer ben o seu traballo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta