California en carne viva

O navegante emocional Gabriel Rei-Doval topa coa envexa e o odio da xente ó lonxe nesta quincuaxésimo novena entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Crescent City (California, USA) | 30/04/2023 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A onírica entrada en California parecía suxerir unha xeira nova no meu periplo estadounidense. Despois de meses cavilando nos porqués das cousas, o mundo dos soños estaba a dar respostas, parciais e encriptadas, a interrogantes que invadiran días enteiros de condución solitaria. 

No peirao de Crescent City
No peirao de Crescent City

Como as experiencias intensas precisan sempre integración, decidín tomar un tempo para percorrer Crescent City, a cabeceira do condado californiano Del Norte. Conducín ata o peirao procurando a compaña do Pacífico, esa xanela permanente ó infinito dos océanos. Pedaleei entón o porto madeiro todo, enxergando o horizonte mentres recibía a frescura mareira na cara. 

Unha parella interracial de pescadoras sabatinas freou o meu camiño. Paula, de faccións orientais escuras, sorriu primeiro, e Susana, de longa melena lisa e ollos azul turquesa, virou cara a min tras escoita-lo good morning. Decidiran achegarse xuntas a coller dungeness crab tralo almorzo, buscando asemade gozar do sol reparador daquel sábado de novembro.

Susana falaba portugués con sotaque lisboeta mentres Paula chafallaba o idioma de Pessoa con amoroso entusiasmo neofalante, mais as dúas seguían con solvencia a lingua proletaria do meu pobo como lusófonas de boa vontade. Paula tomara aulas de portugués en Santa Bárbara e agora practicaba con Susana a cotío, salvo necesidade puntual de desfacer ambigüidades en inglés.

Paula nacera no seo dunha familia de orixe lisboeta na Rua de Natal da Velha Goa. Instalárase en California como enxeñeira informática atraída polo tecido tecnolóxico estatal. Mais nunca perdera a súa identidade lusófona e consideraba Lisboa a Ítaca a que volver cando os tempos foren chegados. Susana aprezara nela a súa autenticidade e partillaban apoio incondicional en estado puro. Falecido seu pai en Goa, a única familia asiática de Paula era Isabel, a súa irmá discapacitada.

Onda o lar portugués de Paula e Susana en Crescent City
Onda o lar portugués de Paula e Susana en Crescent City

Percorrimos o porto de vagariño e, cando a marea baixou abondo, puidemos cruza-lo istmo que separa Battery Point Light do continente. En chegando ó Faro algo fixo click en Paula e comezou a desenvolve-lo novelo da súa madeixa familiar en Goa.

Cando Paula ascendera a encargada de sistemas na startup californiana, a súa familia india parabenizáraa cun proceso xudicial para separala de Isabel. Os padriños Manuel e Ana aproveitaran mentres Paula casaba con Susana e conseguía a nacionalidade estadounidense para arrebatarlle o derradeiro fío directo con Goa. Cando preguntei a razón, elevou os ombros e respondeu lacónica: “follow the money”. 

Paula nacera tralo devastador maremoto local xerado polo Great Alaskan Earthquake en 1964 e, xa en California, a súa casa sobrevivira a destrución do tsunami xaponés de 2011 en Crescent City; hogano facía o posible por supera-la cobiza dos voitres ó lonxe pola carne viva mentres lambía as feridas no apoio incondicional de Susana.

A distancia, a envexa infinda e a alta traizón familiar furtáranlle a Isabel, agora baixo a custodia da trama goense. Por iso, as rúas dos seus soños eran xa as do Bairro Alto, Prazeres a súa patria menina e o portugués a súa anovada matria. E así, con Paula cada vez máis mergullada na aprendizaxe neofalante da lingua de Pessoa, entretiñan nos espigos das rodas a senrazón dese tranvía de corda chamado corazón.

No porto de Crescent City, con Battery Point Light ó fondo
No porto de Crescent City, con Battery Point Light ó fondo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA