Besteiro non entra a valorar a acción de Baltar aínda que lamenta que o fixera

Rueda recoñece que falou con Baltar dúas veces. A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, di que non falou co presidente da Deputación de Ourense e líder provincial dos populares, José Manuel Baltar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2023 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou a acción levada a cabo polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, aínda que non quixo entrar a valorala.

Tras ser interpelado na mañá deste mércores en Ferrol, Besteiro asegurou que polo seu cargo "non pode entrar nesas cuestións, nin debe", despois de coñecerse que Baltar foi interceptado conducindo a 215 quilómetros por hora na autovía A-52, á altura do municipio zamorano de Asturianos, en dirección a Madrid.

A preguntas dos medios de comunicación, o novo delegado do Goberno en Galicia apuntou que considera que o que aconteceu "é lamentable nese sentido".

"Pero desde a Delegación do Goberno, como facemos sempre ademais, apelamos a responsabilidade por parte de todos os condutores en relación co tráfico e coas súas consecuencias", indicou.

O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro
O delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: M. DYLAN - Europa Press

GAMARRA

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, asegurou que non falou co presidente da Deputación de Ourense e líder provincial dos populares, José Manuel Baltar, despois de ser sorprendido cando conducía a 215 quilómetros por hora en Zamora.

Preguntada este mércores por este caso, Gamarra limitouse a sinalar que non falou con el, sen entrar a valorar se o partido tomará algunha medida. En concreto, a Garda Civil sancionou ao presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial por circular a 215 quilómetros por hora o pasado domingo na A-52, á altura do municipio zamorano de Asturianos, en dirección a Madrid.

REACCIÓN DE RUEDA


O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, evitou por agora avanzar medidas disciplinarias ou doutra índole contra o presidente dos populares ourensáns e da Deputación, Manuel Baltar, con quen falou despois de transcender que foi detectado mentres circulaba nun vehículo da institución provincial a 215 km/h na A-52 en dirección a Madrid.

Rueda optara por manter silencio sobre o caso na sesión de control que albergou este mércores o Parlamento de Galicia, na que a oposición --BNG e PSdeG-- urxíronlle a esixir responsabilidades ao dirixente ourensán, á vez que suxerían que, se non o fai, será porque "non ten autoridade" ou porque "quen manda en Ourense" é Baltar.

Con todo, a preguntas dos medios antes de participar nun acto en Pontevedra, si que recoñeceu que falou con Baltar en dúas ocasións --a pasada noite e este mércores pola mañá--. "Recoñece os feitos ata o punto de que había unha sanción que el paga", aseverou, antes de incidir en que está seguro de que "o primeiro que sente" é o propio líder do PP provincial de Ourense.

BNG PIDE "EXPLICACIÓNS" AO PP

O portavoz do grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Ourense, Bernardo Varela, esixiu esta tarde explicacións ao Partido Popular e ao presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar, interceptado pola Garda Civil a unha velocidade de 215 quilómetros por hora nun coche público.

o portavoz nacionalista demanda que explique "que facía un coche oficial da Deputación" a esas horas e nesa data. "Eses coches son para uso oficial, non para empregar en asuntos persoais, polo que non pode facerse uso dos mesmos para asuntos de partido ou particulares", lembrou Varela, demandando por tanto a axenda que tiña prevista o presidente provincial para ese día, que o nacionalista cualifica de "estraño para unha reunión de traballo".

Do mesmo xeito sinala que o uso de recursos públicos "para beneficio persoal" xa sería motivo "máis que suficiente" para esixir a dimisión dun cargo público, pero "máis cando esa conduta dá lugar a unha situación que en principio sería constitutiva de reproche penal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta