"Estou seguro que non ten que ver con Altri", di Rueda sobre a dimisión da directora xeral de Patrimonio

Un xeógrafo, Ángel Miramontes, será o novo director xeral de Patrimonio

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2025 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

O profesor do departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Anxo Miramontes Carballada será o novo director xeral de Patrimonio Cultural a María del Carmen Martínez Insua, que levaba 12 anos no cargo e cuxo cese autorizou tamén este luns o Consello da Xunta.

A preguntas dos medios, Rueda desligou a renuncia de Martínez Insua do informe que asina o proxecto da pasteira lusa Altri para Palas de Rei, no que, entre outras cuestións, propúñase converter a cheminea, de 75 metros, nunha icona incorporando cores e elementos decorativos.

Rueda, quen agradeceu os servizos prestados por Martínez Insua, asegurou que se trata dun cesamento "a petición propia". "Levaba 12 anos e ten todo o dereito do mundo a descansar", defendeu o presidente galego. A continuación, engadiu que, aínda que sería ela a que tería que "contestar" os motivos da súa marcha, asegurou que el está "absolutamente seguro de que non ten ningunha relación" co informe de Altri.

"Por todo o que a min me chega, simplemente era un dereito a ter novas actividades, sen ter nada que ver coa tramitación de ningún expediente, nin de Altri, nin nada máis", sentenciou. Finalmente, insistiu en que foi "unha magnífica directora, que fixo un gran traballo" e manifestou o seu desexo de que o seu sucesor "siga mantendo esa liña" e mesmo a "mellore" se é posible. "Sempre digo que hai que aspirar a que os que veñan detrás melloren o que fixeches", resolveu.

DOUTOR EN XEOGRAFÍA

Miramontes é doutor en Xeografía pola USC e experto en Sistemas de Información Xeográfica e especialista en Ordenación e Planificación Territorial. Ademais, ata agora exercía como profesor no departamento de Xeografía da USC, dirixía o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia-Norte de Portugal e forma parte do grupo de investigación de Análise Territorial do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia.

A Xunta subliñou que asume este departamento co obxectivo de "seguir avanzando na posta en valor dos bens máis singulares, alcanzar o máximo recoñecemento da Unesco para A Ribeira Sacra, avanzar na execución do 'Plan Catedrais de Galicia', fomentar o respecto polo patrimonio, e establecer novas follas de ruta dirixidas a garantir a conservación de bens e monumentos de todo o territorio.

Rueda preside a reunión do Consello da Xunta
Rueda preside a reunión do Consello da Xunta | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta