A elección da directora da CRTVG e a comparecencia de Ángeles Vázquez, no último pleno antes do verán

Pontón preguntará a Rueda polas súas políticas de "control ideolóxico" e Besteiro sobre o balance das políticas do Goberno galego durante os primeiros seis meses do ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A elección da nova directora da CRTVG, Concepción Pombo, que poderá saír elixida por maioría absoluta cos votos en solitario do PPdeG; e a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, marcarán o último pleno do Parlamento de Galicia antes do parón estival, unha cita que terá lugar os próximos días 8 e 9 de xullo.

Os grupos parlamentarios informaron este martes da orde do día da sesión plenaria, na que a conselleira de Medio ambiente, Anxos Vázquez, comparecerá para informar da xestión e ordenación do litoral despois do traspaso desta competencia.

Na súa intervención, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil avanzou que a líder do Bloque, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta polas instrucións da Consellería de Educación para "exercer a censura" e o "control ideolóxico" na CRTVG.

Rodil denunciou que esas instrucións están "asinadas polo subdirector de Inspección Educativa, unha persoa que cualificou de "intolerante e absolutamente retrógrada". E é que o BNG xa pediu o seu cesamento tras coñecer as publicacións deste cargo da Xunta nas que entre outras cuestións "pide a ilegalización do BNG e ataca o autogoberno de Galicia".

"Este é o estilo Rueda, o estilo do PP", denunciou a deputada, que enmarcou tamén "na súa forma de entender a democracia" a negativa do PP a que os grupos interveñan para fixar posición na elección da directora xeral da CRTVG, tal e como pediu a súa formación.

Rodil, ademais, volveu a censurar que os populares "vetasen" a comparecencia de Rueda sobre os motivos polos que "calou e ocultou durante catro meses" a denuncia por agresión sexual ao exconselleiro do Mar Alfonso Villares. Con todo, o BNG levará esta cuestión ao pleno a través dunha interpelación na que censurará a "inacción" da Xunta ante o que cualifican de "situación de emerxencia por violencia machista" tras os últimos feminicidios en dous meses.

O Bloque tamén defenderá no pleno unha proposición de lei de modificación da lei galega do deporte para introducir medidas de promoción da igualdade e de prevención da discriminación tanto das mulleres como do colectivo LGTBI.

Ademais, preguntará polas verteduras radioactivas na fosa Atlántica, así como pola garantía dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas na xustiza.

CITA EN ATENCIÓN PRIMARIA EN 48 HORAS

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG Elena Espinosa informou de que o secretario xeral dos socialistas pedirá a Rueda un balance da xestión política por parte do Goberno galego na primeira metade do ano.

Todo iso nun pleno no que a súa formación volverá defender a proposición de lei para garantir que os galegos teñan cita en Atención Primaria nun prazo máximo de 48 horas. Así mesmo, en materia de sanidade, os socialistas incluirán dúas preguntas orais sobre a "supresión" da atención médica programa nos centros de saudar do concello de Cervo e sobre a necesidade dun plan sanitario urxente para atender o incremento da demanda no Salnés durante o verán.

Así mesmo, interpelarán ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, sobre a xestión do transporte escolar, que cualifican de "desastrosa" e presentarán unha moción, derivada da interpelación sobre a crise demográfica presentada no pleno pasado, para propor medidas para frear o despoboamento.

O Grupo Socialista levará ao pleno unha proposición non de lei para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia e presentarán unha proposición non de lei por mor das conclusións do Consello de Contas para que o Goberno galego regule as portas giratorias e a actividade dos grupos de interese.

Por último, levarán unha pregunta oral sobre a paralización da construción da variante que conecta o Polígono de Bértoa, en Carballo coa zona sur do municipio.

INICIATIVAS DO PPDEG

Pola súa banda, o Grupo Popular demandará, a través dunha proposición non de lei, que a Cámara mostre o seu rexeitamento expreso á "corrupción" que ve "instalada" no seo do PSOE, do Goberno de España e da contorna persoal e político máis próximo do presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

Unha situación que, tal e como destacou a secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz parlamentaria, Paula Prado, "debe derivar na disolución das Cortes e a inmediata convocatoria de eleccións xerais.

"Ante esta situación vergoñosa e de perda da lexitimidade institucional, desde o Grupo Popular propomos que o Parlamento de Galicia mostre o seu rexeitamento á corrupción instalada no seo do PSOE", pero tamén queremos que se "condenen as acusacións realizadas polos membros do Goberno de España e os seus socios atacando á Xustiza e aos xornalistas que están a destapar as tramas de corrupción que rodean a Sánchez", dixo Paula Prado.

A iniciativa, ademais, reclama a inmediata depuración de responsabilidades políticas derivadas dos casos de corrupción", o que considera que debe levar aos socios do PSOE nas distintas institucións á "revisión dos acordos de goberno ou do apoio político".

APOIO PARA O XACOBEO

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular incorporou á sesión plenaria da próxima semana ten que ver coa celebración do próximo Xacobeo 27 e a necesidade de que o Executivo estatal conceda, "canto antes", a declaración como evento de excepcional interese público, un recoñecemento que, segundo dixo Prado, está apoiado pola Comisión Executiva do Consello Xacobeo e ten o visto e prace do Ministerio de cultura.

A iniciativa tamén reclama un maior e firme apoio económico ante o próximo lustro Xacobeo 2027-2032, co fin de lograr unha maior presenza nacional e internacional que sirva para o reforzo turítico.

Por último, no apartado de preguntas á Xunta, o Grupo Popular interesarase polas medidas que impulsa a Xunta para promover o uso da lingua galega entre a mocidade; a valoración do decreto de traspaso de menores migrantes non acompañados; e a situación financeira da Universidade da Coruña, despois de que se coñecese un "desequilibrio contable de 13 millóns".

Reunión da Xunta de Portavoces
Reunión da Xunta de Portavoces | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta