Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 13:34
O BNG organizou este martes unha xornada de debate sobre vivenda para reivindicar as súas políticas neste ámbito que, tal e como destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, pasan, entre outras cousas, por reforzar o peso da vivenda protexida e por aumentar a reserva de chan para este fin. Baixo o lema 'Cambiar o modelo, garantir dereitos', a xornada, celebrada na Casa das Máquinas, foi inaugurada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que detallou algunhas das políticas nesta materia levadas a cabo desde o Goberno local da capital galega.
Entre elas, tratar de garantir que estas políticas se destinen aos veciños que residen no municipio, fronte á opción de que "vaia orientada a pisos turísticos ou outros tipos de usos residenciais, apostar pos as políticas de rehabilitación e poder ter vivenda protexida no conxunto do territorio e non que se instale nalgunha das periferias. Ademais, reivindicou a importancia do comercio de proximidade para as cidades, sobre o que lembrou que o Executivo local aprobou unha modificación do plan especial da cidade histórica para "pór coto ás tendas de souvenirs".
Pola súa banda, Ana Pontón lamentou que o aluguer hoxe en día supón "unha carga insoportable para amplas capas da poboación", especialmente, dixo, para a mocidade. Así, acusou á Xunta de "dinamitar" a política de vivenda social nos últimos anos ata "volvela inexistente". Nesta liña, reprochou que desde o ano 2009 "houbo anos en que o número de vivenda protexida foi cero". "E esta foi unha decisión política", aseverou a líder nacionalista. Así mesmo, volveu defender que a vivenda "é un dereito", pero, con todo, na súa opinión, "converteuse nun ben de especulación, en Galicia, coa complicidade do PP".
"REPENSAR O MODELO"
Por todo iso, Ana Pontón sostivo que "hai que repensar o modelo de vivenda pública", xa que o actual "non logra crear un modelo estable e suficiente para ofrecer alugueres a prezos que a xente poida pagar". En Galicia, detallou, o parque de vivenda pública en aluguer "non chega ao 1 %" e está "a anos luz do que pasa na media da contorna europea".
Así, reivindicou as propostas do "goberno alternativo do BNG", que pasan por "reforzar o peso e a función social da vivenda protexida" a través dun novo modelo que inclúa a cualificación de vivenda protexida permanente para "darlle carácter estrutural". Ademais, sinalou que apostan porque "polo menos o 50 % das vivendas protexidas anunciadas" teñan que ser en aluguer e "o 50 %, de promoción pública", co obxectivo de "ter cada vez máis mecanismos públicos para garantir o acceso á vivenda".
"PREZOS ASUMIBLES E ACCESIBLES"
Do mesmo xeito, manifestou que o Bloque considera que a vivenda protexida teña "prezos asumibles e accesibles". A este respecto, criticou que a Xunta "aprobou unha subida do 40 %", unha porcentaxe "desproporcionada" que fai que estas vivendas, segundo trasladou Pontón, "pasen a custar algo máis de 200.000 euros". "Acaban de facer que as rendas baixas nin sequera poidan acceder á vivenda pola vivenda protexida", criticou. Neste contexto, reclamou que se revise esta cuestión e que o prezo se marque en base a "indicadores obxectivos" e que se establezan bonificacións para as adxudicacións en función dos ingresos.
Doutra banda, apostou por incrementar as reservas de chan destinadas a vivenda protexida, priorizar que se actúe no xa construído e adquirir vivenda pública baleira. Isto, asegurou, permitiría "abaratar a compra por parte da Xunta". "O que non é comprensible é que a Xunta non faga nada para tratar de adquirir a vivenda xa construída aos mellores prezos", censurou Pontón. E todo iso, apostilou, "debe ir acompañado dunha maior transparencia e planificación", facendo público, engadiu, "o inventario de chan e vivenda" e "non ocultando e manipulando datos".
OUTRAS MEDIDAS
Así mesmo, lembrou que estas medidas deben ir acompañadas doutras que teñan como obxectivo frear os prezos do mercado libre e que, ao seu xuízo, deben actuar sobre tres eixos: que a Xunta declare zonas de mercado residencial tensionado onde se cumpra esta condición, establecer un tope para os pisos turísticos en todo o territorio e que se poñan en marcha "políticas efectivas de mobilización de vivenda baleira que contribúan a aumentar a oferta". Nas xornadas tamén participou a arquitecta e conselleira de Vivenda no goberno do bipartito, Teresa Táboas, así como expertos universitarios, xestores de cooperativas e responsables de entidades que traballan a favor da integración social, a portavoz parlamentaria do BNG na materia, Alexandra Fernández, e o concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.