Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/07/2025 | Actualizada ás 13:50
A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas, transmitiu este martes a "condena e repulsa" do BNG tras a agresión sufrida por unha médica de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) na madrugada deste domingo. Ademais, expresou a súa "solidariedade" coa agredida e instou á Xunta a "sentar a falar co persoal para aplicar de inmediato os reforzos, medidas e protocolos necesarios". Para o BNG "non se pode reaccionar con indeferencia ante esta situación", xa que, segundo denunciou, "o ano 2024 bateu unha marca de agresións en Galicia". Ademais, considera "unha falta de dilixencia" por parte da Consellería "que se contribúa á sensación de inseguridade por parte da cidadanía e das e dos profesionais".
Por todo iso, o Grupo Parlamentario do BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a "constituír de forma inmediata unha mesa de traballo coa participación da Consellería, da Xerencia da área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, a Comisión de Centro do CHUO, Colexios profesionais e Organizacións sindicais e de pacientes". Segundo explicaron os nacionalistas nunha nota de prensa, o obxectivo sería abordar a adopción de medidas extraordinarias, incluído o reforzo de persoal na citada área e, singularmente, no servizo de urxencias, "así como pór en marcha os protocolos necesarios e promover a súa difusión e coñecemento".
O CONSELLEIRO FALA DE "ACCIÓNS TOTALMENTE INACEPTABLES"
Así as cousas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou "moito" a agresión e trasladou á médica o seu "afecto e agarimo". "Este tipo de accións son totalmente inaceptables para a Xunta de Galicia", sinalou Gómez Caamaño, en declaracións aos medios durante unha visita este martes ao Hospital do Salnés, situado en Vilagarcía de Arousa. A este respecto, o conselleiro defendeu que o seu departamento está a traballar con "diferentes medidas" na reforma da Lei de Saúde que prepara. Entre elas, están incluídas multas para os presuntos agresores --á marxe do ámbito penal-- e actualización de protocolos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.