Besteiro pide explicacións a Rueda por "ocultar" o memorando asinado por Impulsa e Altri en 2021

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou que Francisco Conde "non é un vicepresidente a tempo parcial, sería vicepresidente público a tempo completo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2025 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu explicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola "ocultación" do memorando selado entre a Sociedade Impulsa e Altri no ano 2021. A preguntas dos medios este martes en Ourense respecto dunha información publicada este luns en Praza.gal que sinala que a Xunta denegou a este medio o acceso a este memorando co argumento de que o entón vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía Francisco Conde "non o asinou como membro do Goberno galego, senón nun negocio xurídico privado", o líder dos socialistas galegos asegurou que estas explicacións son "unha escusa falsa", xa que "non é un vicepresidente a tempo parcial, sería vicepresidente público a tempo completo".

"Non hai unha actuación privada dentro do ámbito da administración que quede á marxe desa actuación pública", aseverou Gómez Besteiro. Nesta liña cuestionou que tipo de vicepresidente era "que actuaba no ámbito privado unha serie de horas determinadas e outras no ámbito público". Por iso, esixiu explicacións a Alfonso Rueda sobre "que esconden detrás desa ocultación" e "que pacto secreto ten Rueda e o PP coa macrocelulosa de Altri". "Ten que dar explicacións porque é absolutamente irracional, lamentable que se poña unha xustificación para non dar unha información dicindo que a actuación de Francisco Conde era unha actuación privada. É vergoñento. Por tanto, deberán explicar e ensinar a todo o mundo que tipo de acordo segredo ten Altri con Rueda e coa Xunta", subliñou.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atende aos medios de comunicación en Ourense
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, atende aos medios de comunicación en Ourense | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta