Rueda e Besteiro reuniranse por primeira vez este martes pola tarde en San Caetano

O presidente da Xunta e o delegado do Goberno xa mantiveran conversas mais non dentro dun encontro institucional.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, citou para este martes, día 2, ao novo delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, a unha reunión para abordar asuntos de interese para ambas as administracións. Será un encontro no edificio administrativo de San Caetano, a partir das 17,30 horas, e tras a petición formal feita polo novo representante do Executivo central na comunidade autónoma.

Este será o primeiro encontro institucional entre os dous dirixentes despois de que o que fose no seu día líder do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo tomase as rendas da Delegación do Goberno das mans de José Miñones, tras ser nomeado este ministro de Sanidade.

Besteiro e Rueda xa tiveron a oportunidade de manter varias conversacións --o presidente acudiu á toma de posesión do novo delegado do Goberno e coincidiron noutros eventos, entre eles as procesións de Semana Santa--, pero aínda non se produciu un encontro institucional entre ambos. O socialista lucense asegurara que estaba a disposición de reunirse, mentres que a Xunta transmitiu que a petición debería partir do novo cargo do Goberno.

A "COLABORACIÓN" NO FOCO

Co regreso de Besteiro á primeira liña política autonómica, chegaron tamén as especulacións sobre o futuro candidato socialista á Xunta.

Neste escenario, os cargos populares, con Rueda á fronte, non desaproveitaron a oportunidade para suxerir que os socialistas poderían estar a empregar cargos públicos para "solucionar problemas internos", e o presidente galego instouno a centrarse na defensa dos intereses da cidadanía da Comunidade.

Se isto ocorre, dixo, a "colaboración" por parte do Executivo autonómico está garantida. Unha cooperación que tamén ofreceu e garantiu o novo titular da Delegación do Goberno en Galicia.

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro; o ministro de Sanidade, José Miñones e o presidente da Xunta,  Alfonso Rueda, durante o acto de toma de posesión do cargo do primeiro. M. Dylan - Europa Press
O novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro; o ministro de Sanidade, José Miñones e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o acto de toma de posesión do cargo do primeiro. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta