Os turbulentos inicios da campaña electoral para o PPdeG

A polémica multa a José Manuel Baltar, os audios descubertos a Jácome e os anuncios de Sánchez impóñenlle aos populares galegos unha axenda moi diferente á que tiñan prevista cando quedan só 18 días para as eleccións municipais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Outra vez Baltar". Esta frase que se lle escapou querendo a un dirixente popular resume o sentimento que hai na familia popular nos últimos días. E é que Xosé Manuel Baltar, ou Baltar fillo, volve ser o protagonista innecesario nun momento importante para o Partido Popular de Galicia e, como xa fixera o seu pai en anteriores ocasións, impón unha axenda política moi diferente a que tiñan o PPdeG hai unhas semanas.

O presidente do PP da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (esquerda), e o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome
O presidente do PP da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (esquerda), e o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

O barón ourensán, que herdou "políticamente" a Deputación de Ourense das mans do seu pai, decidiu pedir perdón e logo calar, e impuxo a mesma estratexia, a do silencio, ao resto do seu partido. Unha estratexia que asumiu o actual presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e tamén o "todopoderoso" Alberto Núñez Feijóo, que segue sen intervir agora que é o líder do PP a nivel español, tal e como tamén facía antes, cando era o líder indiscutible en Galicia. Unha situación política que a oposición utiliza para presionalo políticamente.

A multa de Baltar e os seus 216 km/hora en Zamora poden saírlle caro aos populares a pesar desa estratexia do silencio. Porque, como toda crise política que non se pecha, pode acabar estoupando en calquera momento, mesmo, a pesar de que se tente tapar con outra cortina aínda máis escandalosa como son os audios de Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense.

ENTRA A OPERACIÓN JÁCOME EN ACCIÓN

E é que os audios que, curiosamente, foron publicados polos dous principais xornais da cidade case ao mesmo tempo e a poucos días da infracción de Baltar, non conseguen ocultar a magnitude do problema que o presidente provincial causou ao seu partido. E, ademais, crean un problema adicional que é meter o "cancro Jácome" en campaña.

Rueda elixe 'Galicia, ou Camiño a seguir' como lema de campaña no PPdeG.. PP
Rueda elixe 'Galicia, ou Camiño a seguir' como lema de campaña no PPdeG.. PP

"O de tentar tapar o de Baltar co de Jácome pode non saír ben. Nunca se sabe o que este home pode facer, nin o que pode sacar logo de ter gobernado co PP no concello e na deputación", asegura un veterano deputado galego, agora afastado da política. E, non lle falta razón, o espectáculo lamentable que se vive con Jácome en Ourense tamén lle comeza a pasar factura aos populares pola imaxe que dá da política e da cidade e porque foron eles os que permitiron que gobernara durante estes catro anos. Tamén hai raios e lóstregos que chegan desde Madrid.

A FRONTE SÁNCHEZ

E o certo é que a estratexia electoral de Pedro Sánchez, coa súa batería de anuncios exprés nas últimas semanas, están tamén poñendo en apuros a estratexia electoral dos populares en Galicia. Unha estratexia que, en parte, se ve mediatizada pola mensaxe que chega desde a rúa Génova e, tamén, pola presión da oposición en Galicia que utiliza certos anuncios como arietes electorais.

Aí están as 50.000 vivendas da SAREB ou as 20.000 vivendas prometidas en chans de Defensa. Uns anuncios que o PSdeG utilizou para lembrar o nula construción de vivenda pública por parte da Xunta nos últimos anos. Tamén os 1.300 millóns de euros prometidos en investimento en FP ou o plan de 560 millóns de euros para estudos de programación, robótica e reforzo escolar. Unhas promesas que obrigaron aos populares a acelerar os seus anuncios en materia de Formación Popular e novos currículos en novas tecnoloxías.

E, finalmente, os avais prometidos por Sánchez por valor de 2.500 millóns até o 20% para a compra de primeira vivenda para mozas. Unha medida que fixo respostar en conxunto ás autonomías gobernadas polo PP que aseguraron que esa proposta era unha "copia" da dos populares.

EXPECTATIVAS

Hai mes e medio as espectativas dos populares eran ben grandes. Falaban directamente de recuperar ata tres grandes alcaldías; as de Ferrol, Lugo e Santiago, e dúas deputacións; Lugo e A Coruña. Agora esas espectativas foron arrefriando e apuntan a unha alcaldía e, no mellor dos casos, a unha deputación.

Con todo, e como comenta ese veterano parlamentario, xa curtido en moitas batallas políticas, "nunca se sabe como vai rematar o partido". Por iso, nas filas populares son prudentes e agardan que pase a treboada

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 totus tuus

Un ano tiñan que presentar un paquidermo.... para ver que pasaba... por curiosidade!!!!!