Condenan a Lidl por vulnerar o dereito a folga

Algúns empregados están a piques de cumprir os tres meses de paro indefinido.

Por E.P. | A Coruña | 11/05/2023 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

O xulgado do social número 2 de Ferrol condenou a Lidl a indemnizar con 25.000 euros ao sindicato CIG por vulnerar o dereito á folga dos traballadores da súa planta loxística de Narón (A Coruña), que cumprirán o vindeiro domingo 14 de maio tres meses de paros en demanda do cumprimento do convenio colectivo.

Na súa resolución, o xulgado ferrolán estima parcialmente a demanda da central nacionalista e determina que a compañía incorreu unha infracción do dereito á folga ao desviar a outros centros o traballo que se realiza na planta do municipio da comarca de Ferrolterra.

Ademais dunha indemnización de 25.000 euros para o sindicato por danos morais, Lidl deberá cesar nestas prácticas e está obrigado a manter a carga de traballo habitual no centro que a empresa ten no polígono do Pozo de Narón. Fontes da compañía de orixe alemá consultadas por Europa Press confirmaron que recorrerán o fallo xudicial.

Tras este fallo, o secretario do comité de empresa, Hugo Fernández (CIG), manifestou, en declaracións a Europa Press, que os traballadores valoran que a xustiza lles dea a razón despois de que a empresa estivese "a xogar" con eles "máis de 80 días" nos que "encheron as tendas" empregando "outros almacéns".

"Seguimos como o día uno. Estamos totalmente receptivos a calquera achegamento da empresa. Fixemos o que tiñamos que facer desde o primeiro día. Esperamos que isto sexa un punto de inflexión para eles e preocúpense por fin das máis de 100 familias que teñen na porta", concluíu Fernández.

Persoal do almacén de Lidl en Narón (A Coruña) concéntrase ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela.. CIG
Persoal do almacén de Lidl en Narón (A Coruña) concéntrase ante o edificio administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta