Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2023 | Actualizada ás 18:03
A Xunta avanzou que estudará a posibilidade de colaborar coa Federación galega de redeiras artesás O Peirao no impulso dalgún dos proxectos nos que traballa a entidade para facilitar a reciclaxe de residuos plásticos que recollen no mar co fin de darlles unha segunda vida e convertelos en aparellos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, por exemplo, agullas.
A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, mantivo unha reunión este luns con representantes da federación, que aglutina ás diferentes asociacións de redeiras da costa galega. Durante a reunión, segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, trasladáronlle o seu interese por adquirir maquinaria específica para reciclar materiais plásticos, así como por habilitar espazos de autorreparación nos portos onde operan.
Do mesmo xeito, as responsables da entidade tamén incidiron na importancia de que as redeiras reciban formación específica en materia de reciclaxe. Así, a directora xeral comprometeuse a estudar os seus proxectos e analizar mesmo se algún deles podería acollerse ás ordes de axudas en materia de xestión de residuos que o seu departamento ten previsto convocar en breve ou ben optar a financiamento europeo a través dos fondos Feder.
Ademais, Pérez tamén lles trasladou a posibilidade de que se adhiran como federación á Alianza galega polo clima, unha iniciativa de colaboración público-privada fronte ao cambio climático impulsada pola Xunta hai un ano e na que as súas propostas en materia de economía circular e de loita contra o lixo mariño poderían ter tamén encaixe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.