Os acusados de roubar nunha casa de Fisterra e incendiala negan os feitos e din que só miraban "as mareas"

O propietario da vivenda afectada, pola súa banda, declarou que "ao seis ou sete meses de ser o incendio" creu ver a un dos acusados pola rúa. "Mesmo me parecía que levaba pezas do meu fillo encima", puntualizou.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2023 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Dous homes acusados de roubar no interior dunha vivenda de Fisterra e, a continuación, prenderlle lume, declararon que non se recoñecen nas gravacións que mostran supostamente aos procesados nas inmediacións do inmoble na noite do suceso.

"Eu non son o das imaxes, non recoñezo nin a el nin a min", dixo un deles, en alusión ao outro procesado. No entanto, admitiron que o día anterior estiveron no municipio coruñés "mirando as mareas".

Ambos negaron os feitos que se lles imputan e polos que a Fiscalía pide para eles 22 e 25 anos de prisión. Fixérono no xuízo celebrado nesta xornada na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña e que continuará este martes.

Durante a vista, os acusados recoñeceron estar en Fisterra o día anterior aos feitos "mirando maréalas" pero non a noite de autos. "El ía ao mergullo e eu fun para vixialo para que non lle pasase nada", explicou un deles.

O propietario da vivenda afectada, pola súa banda, declarou que "ao seis ou sete meses de ser o incendio" creu ver a un dos acusados pola rúa. "Mesmo me parecía que levaba pezas do meu fillo encima", puntualizou.

Respecto ao inmoble, asegurou que "quedou todo en ruínas, a casa está sinistro" e lamentou que "algúns veciños" tiveron que ser trasladados ao hospital por inhalación de fume durante o suceso.

FEITOS

Os feitos, segundo recolle o escrito de acusación, remóntanse ao 13 de setembro de 2020, cando os dous acusados, presuntamente, roubaron obxectos do interior dun vehículo en Fisterra, entre eles as chaves dunha vivenda desta localidade.

Ao redor dunha hora despois deste roubo, os procesados, sostén o Ministerio Público, entraron a roubar na vivenda coas chaves e, posteriormente, prendéronlle lume, pondo en risco a vida das persoas.

Do interior da vivenda,os procesados levaron varias pezas de roupa, numerosos reloxos, zapatillas deportivas, unha cadea de ouro cunha cruz, un anel de prata, unha cadea de prata, un móbil e unha tablet, á vez que, coas chamas, provocaron que se queimasen 2.500 euros en metálico.

Os habitantes da vivenda non estaban no seu interior no momento dos feitos. A casa, unifamiliar e encostada, sufriu importantes danos, por valor de máis de 100.000 euros.

Fiscalía considera a ambos os acusados, con antecedentes por outros roubos, autores de dous delitos de roubo con forza, en vehículo e en casa habitada, e dun delito de incendio con perigo para a vida e integridade física das persoas.

Audiencia Provincial da Coruña
Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta