A min tamén me tentou... o demo!

“Das millentas falcatrúas/Que nos fan e que facemos/ ¿A quén se lle bota a culpa/Na miña parroquia?.../Ó demo!: O demo apaga os candiles,/ O demo queima os palleiros,/Entra o demo nunha casa/ I anda todo ós catro ventos; /N'hai reparto de consumos/Sin intervención do demo;/ El é o que mata i esfola/I o que revolve o concello;/Él é quen me tenta a min/Sempre que publico versos;/ I ás mozas que están... Pra diante Tamén as tentou... ¡o demo!” (“O DEMO.Noriega Varela, 1904).

Por Xaquin Campo Freire | Narón | 02/06/2023

Comparte esta noticia
Quería deixar pasar o balbordo das “Municipais” para volver sobre as LETRAS GALEGAS 2023”. Porén o diaño non deixa de revolver e xa non sei se é para ben ou para unha desfeita. Estou a desgusto. Pero, ..., que se desgusten eles!  
 
O noso Vicente Risco ten unha ampla etnografía sobre a “Historia do Diabo”. E concretándose na Galiza fala do satanás, o demo maior, o maligno. Ese, arrenegado sexa el ou quen o represente! (E son lexión como din os Evanxeos).  Porén, Risco segue a falarnos dunha restra de demachiños menores e familiares que máis ben son uns pillabáns e andan a xogaren connosco para que nós aprendamos a xogar coa vida e restarlle dramatismo.
 
 Xa os mesmos nomes son unha ledicia: trasno, tardo, fedello, trasgo, alfandegueiro, falcatrúas, falcatrueiro, aduaneiro, cañoto, carocho, traveso, traste, perello, pedrochosco, xúcaras, etc. 
 
Eses nomes sempre van acompañados polo artigo ‘o’, que os precede. Pero hai un deles que está folgado e non pilla o sono. E ao non ter que facer, pola noite todo o revolve e descompón: tira as olas do leite, revolve nas potas, vai o zucre, mete o dedo nas lambetadas e lévao a boca ou rasca onde lle pica e fai outras trasnadas propias do seu aburrimento. Cando pola mañá vemos a desfeita: maldicimos del.
 
E, máis tarde, sen sabermos como, todo se recompón, e volve ao seu. Daquela faise ver ou aparece no maxín. E é cando nos decatamos que foi o tardo ou o pesadelo. E fainos rir, que é o que nós precisamos. E el pásao ben. E mesmo mira para nós e pon olliños e cara de parviño tenro! E que lle vas  facer? Matalo?.
 
Así pasa co “Xás”, da versión galega da obra de Shakespeare: “Soño dunha noite de verán”. Mesmo parece coma se fose un precedente da psicoloxía positiva de Seligman: Desdramatizar! “Nunca nada é tan terríbel”. Cómpre sermos positivos! 
 
 Eu non sei se foi el ou llo encargou a Xunta da Galiza. Pois dá mostras ou polo menos parece que tanto a lingua galega coma certos literatos non lle son persoas moi gratas. Estoume a referir, v.gr.: a D. Ricardo Carballo Calero.
 
Esperaron a que chegara o COVID19. E del nin se falou cando tanto lle debemos. E agora, pasa con D. Paco Fernández del Riego. Aparecen as Eleccións e por triplicado e velos aí andan as liortas e o que fica aínda ata chegarmos ao outono. E el fica no silencio! Un pobo que non sabe nin quere saber de si, morre!
 
Pois como o ‘Xás’ anda un pouco preocupado e con sentido de culpabilidade, encargoume a min que vos dixera que hai unha entrevista que Tino Santiago, de COVAS- Ferrol, que lle fixo á irmá de D. Paco, que xa ten 101 anos.  É unha verdadeira delicia escoitala. Non se coñece moito. Pero vale moito a pena. Polo menos eu gostei moito dela. Será porque eu tamén vou vello e preciso moito da filosofía do Xás. Felicito a Tino. Dura media hora. 
 
Apertas. Xaquín de Roca.
 
Atoparédela aquí:

Diaño, demo, Satanás
Diaño, demo, Satanás | Fonte: 3Djuegos.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.