O Consello Regulador da D.O. Valdeorras busca dinamizar a súa Feira do Viño

O Pleno do organismo reuniouse para anunciar o concurso do cartel anunciador e valorar outras propostas para darlle un empuxe á que será XXIV Feira do Viño de Valdeorras os días 8 e 9 de xullo.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 03/06/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Conta atrás para unha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras, mostra que este ano quere contar con máis presenza mediática e máis atractivos que a relanzen dalgún xeito. Con estas premisas xuntouse o pasado 1 de xuño o Pleno do Consello Regulador, facendo públicas as bases para o concurso de carteis e a intención de darlle unha volta e aumentar a axenda de actividades paralelas no recinto feiral.

Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (1 xuño 2023). Fonte: Prensa CRDOV
Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (1 xuño 2023). Fonte: Prensa CRDOV

“Porase en marcha unha axenda de actividades paralelas no propio recinto feira para ofrecer alternativas de ocio e lecer, que vincularán principalmente viño e gastronomía, aos nosos visitantes”, destacou o presidente do organismo,José Ramón Rodríguez Castellanos, quen asegurou que as diferentes accións que se levarán a cabo iranse comunicando paulatinamente.

Entre as actividades que se prevé poñer en marcha destaca a xa tradicional Cata Oficial da Feira do Viño de Valdeorras, catas maridadas e actividades dirixidas aos cativos.

CARTEL ANUNCIADOR

Ao igual que o ano pasado vaise activar un concurso aberto a todos os interesados e interesadas para elixir o cartaz que ilustrará a vindeira edición da feira, sendo o prazo para enviar propostas do 1 ao 15 de xuño. “O cartel debe poñer en valor dun xeito gráfico o saber facer único do sector vitivinícola da nosa comarca, que leva séculos elaborando tintos e brancos dunha altísima calidad”, destacou o presidente da D.O.

No que respecta ás bases publicadas, cada participante poderá presentar un máximo de tres propostas distintas e o tamaño dos orixinais debe ser de 43 x 63 centímetros en posición vertical. Os carteis deben achegarse en soporte informático en arquivo .jpg ou .png e en alta resolución (mínimo 300ppp).

Cada proposta ten que ser enviada por email ao enderezo electrónico secretaria@dovaldeorras.com ou por correo postal á seguinte dirección: Secretaría do C.R.D.O Valdeorras, Estrada Nacional 120 Quilómetro 463, 32.340-Vilamartín de Valdeorras (Ourense). Indicarase o nome e os apelidos, o enderezo e o número de teléfono do autor.

A proposta gráfica debe conter nalgures o seguinte texto: XXIV Feira do Viño de Valdeorras, 8 e 9 de xullo de 2023, O Barco de Valdeorras; e nas creacións poderá empregarse calquera técnica artística: pictórica, informática, fotográfica, etc.

PREMIO, XURADO E FALLO

Concederase un único premio de 600 euros e o xurado estará composto por representantes dos eidos do deseño, a comunicación e a arte, así como polo presidente do Consello Regulador ou persoa na que este delegue. O fallo do xurado farase público na semana do 19 de xuño de 2023 e o seu ditame será inapelable.

As bases compeltas do concurso poden consultarse na web do Consello Regulador.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta