Ata onde pode investigar unha empresa a un traballador usando un detective privado?

O TS declara ilegal a espionaxe dunha empresa a un empregado de baixa ao que acabaron despedindo polo informe do detective.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 02/06/2023 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo (TS) declarou ilegais as fotografías que unha empresa fixo a un empregado que estaba de baixa por unha cervicalxia, para comprobar que realmente lle impedía traballar, nas que lle sorprendeu realizando esforzos incompatibles con esta doenza no horto da súa casa, porque os maxistrados entenden que nese momento o home estaba na intimidade do seu domicilio.

O home comezou a súa baixa o 27 de abril de 2020 por unha "incapacidade temporal" derivada dunha cervicalxia. E, apenas dous meses despois, o 23 de xuño, a empresa entregoulle unha carta de despedimento disciplinario.

Segundo recolle a sentenza do TS, a empresa contratou un detective privado que fixo fotografías do home "realizando en numerosas ocasións (polo menos durante sete días e en xornadas de varias horas) labores de esforzo no xardín e horto da súa casa, utilizando para iso unha pa e un anciño para preparar a terra", así como labores de pintado e de albanelaría "para as que manipula ferramentas, agáchase e adopta posturas forzadas".

O home acudiu aos tribunais para combater o seu despedimento. Un xulgado de Pontevedra rexeitou a demanda do home, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deulle a razón, polo que a empresa recorreu ao TS, expondo ademais a necesidade de unificar doutrina por haber sentenzas contraditorias nesta materia dos tribunais superiores.

A Sala do Social do Supremo explica que a cuestión suscitada consiste en "determinar a validez da proba do informe do detective privado, en virtude da cal a empresa (...) sustentou o despedimento disciplinario do traballador por realizar actividades incompatibles coas doenzas da súa situación de incapacidade temporal".

Os maxistrados indican que, aínda que a lei "permite de forma expresa que os detectives privados realicen investigacións con vistas á obtención e achega de probas relativas á vida persoal, familiar ou social, exclúe expresamente 'a que se desenvolva nos domicilios ou lugares reservados'". "Os detectives privados non poden, en consecuencia, investigar o que transcorra nos domicilios ou outros lugares reservados das persoas", afirman, nun relatorio do maxistrado Ignacio García-Perrote.

Fachada do Tribunal Supremo, a 31 de maio de 2023, en Madrid
Fachada do Tribunal Supremo, a 31 de maio de 2023, en Madrid | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta