BNG e PSdeG dispostos a pactar en Pontevedra onde xa hai unha longa tradición de acordos

"Pontevedra avanzou nestes 24 anos e neste avance o PSOE foi parte fundamental", di Lores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2023 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

O BNG chamou este luns ao PSOE para solicitarlle de maneira formal o inicio das negociacións para formar un goberno local na cidade Pontevedra, segundo confirmou o portavoz municipal e secretario de Organización da Agrupación Socialista local, Iván Puentes.

Os resultados electorais do pasado 28 de maio deixaron ao Partido Popular como forza máis votada en Pontevedra con 11 concelleiros, o BNG baixou a 9 e o PSOE subiu a 5 edís. O alcalde en funcións e aspirante a revalidar o cargo, o nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que "o goberno de coalición depende do PSOE". "Eles decidirán se entran ou non", sinalou.

No Bloque xa se conformou un comité negociador, que está integrado por Eva Vilaverde, Raimundo González e César Mosquera; mentres que a executiva local do PSOE decidirá este martes pola tarde os nomes dos membros que integrarán a súa comisión negociadora. Iván Puentes expresou a súa disposición a "sentar e falar" para explorar "as posibles vías dunha fórmula que lle dea estabilidade de goberno a Pontevedra durante o próximos catro anos".

"Pontevedra avanzou nestes 24 anos e neste avance o PSOE foi parte fundamental", destacou Lores, que recoñeceu que valora "positivamente" o traballo destes gobernos coaligados expresando a súa convicción de que non haberá problemas para que os dous partidos alcancen un consenso xa que "cando tivemos que chegar a un acordo foi así sempre".

Miguel Anxo Fernández Lores na noite electoral. GUSTAVO DA PAZ
Miguel Anxo Fernández Lores na noite electoral. GUSTAVO DA PAZ

VONTADE DE ACORDO

O próximo día 17 de xuño constituiranse as novas corporacións e Iván ueontes considera que "esa é a data razoable" para que poidan alcanzar "un acordo" e apuntou que "a maior parte de veces foi así" polo que non cre que haxa ningún tipo de cuestión que indique que haxa que ir máis aló desa data.

O portavoz socialista asegurou que "como en todas as negociacións, esta terá sen dúbida os seus puntos duros", pero que el sentará na mesa de negociación "porque creo na boa vontade da xente que teño enfronte para dialogar". Puentes entende que "hai vontade de chegar a puntos de entendemento polas dúas partes" e insiste en que hai tamén "conciencia polas dúas partes" de que, cando ninguén ten maioría absoluta, como é este caso, as negociacións implican alcanzar unha "síntese" dos dous programas electorais.

Por tanto, subliñou que nese futura negociación "non se trata da imposición dunha parte sobre a outra", senón de buscar esa "síntese" que "permita facer gobernable a cidade durante o próximos catro anos", afirmou Pontes. Por último, sinalou que non se presentaron ás eleccións para "ocupar ningún posto nin cadeira de brazos no Goberno municipal por ocupalo", e por tanto, co que pase o próximo 17 de xuño na sesión de investidura "decidirán cal é a postura do PSOE no Concello para os próximos catro anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta