O Orgullo 2023 en Pontevedra reivindicará 'tecer' redes que paren a violencia LGBTifóbica

O 17 de xuño será a Festa do Orgullo cunha manifestación que, ás 20,00 horas, sairá da Praza do Hospital Provincial e finalizará na Praza de España, onde se fará lectura do manifesto deste ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra deseñou un programa de actividades, baixo o lema 'Tecendo diversidade contra a violencia', para conmemorar a semana do Orgullo 2023, entre o luns e sábado da próxima semana, do 12 ao 17 de xuño.

O programa inclúe o despregamento da instalación artística 'Tecendo Diversidades' no balcón da Casa da Luz, unha xornada de Festa do Orgullo no parque do río Gafos, unha manifestación que discorrerá entre as prazas do Hospital Provincial e de España e que finalizará coa lectura dun manifesto e un acto de homenaxe a Juan Ucha Villaverde, 'Juanito o Meregildo', veciño de Pidre, na parroquia de Cerponzóns, que sufriu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a disidencia sexual.

Entre as actividades tamén se contemplan charlas sobre 'Autodefensa persoal e Lei Trans' e 'Acoso escolar LGBTIfóbico'; encontros sobre saúde sexual, persoas discapacitadas na Comunidade LGBTIQA+, persoas 'queer' e deporte, ademais de que haberá contos de cores para o público infantil de 4 a 10 anos.

Na presentación desta programación, a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, asegurou que o Concello de Pontevedra considera "especialmente importante" reivindicar a necesidade de implantar redes de axuda e apoio contra a violencia que sofren as persoas LGBTIQA+ "creando espazos seguros, reclamando os dereitos do colectivo e facéndolle fronte aos novos e vellos discursos de odio".

FESTA DO ORGULLO

O 17 de xuño, sábado, será a Festa do Orgullo que terá como epicentro o parque dos Gafos e que se desenvolverá durante toda a xornada, ata ben entrada a noite, cunha manifestación que, ás 20,00 horas, sairá da Praza do Hospital Provincial e finalizará na Praza de España, onde se fará lectura do manifesto deste ano.

Esta festa comezará, ás 14,00 horas, con música ambiente e cunha sesión vermú amenizada por Projecto Mourente, tras a cal haberá unha comida popular na que os asistentes poderán adquirir diferentes produtos nos postos de venda habilitados.

A partir das 16,00 horas haberá talleres de pintura e confección de chapas, contacontos para toda a familia a cargo de Cris de Caldas ou unha sesión musical de tarde con Cabaré de Marinita e as súas Maromas e co Rabelo. O fin de festa chegará, entre o dez da noite e a unha da madrugada, coas sesións dos DJ Palito, Gorllitoxx e Cayazzo.

Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press
Mocidade sostén a bandeira LGBTI nunha manifestación, en imaxe de arquivo. Jorge Gil - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta