Chega a Galicia O Foro Mice que resalta o "carácter auténtico" de Ourense como destino de eventos

"É un destino que denota autenticidade e que resulta sinxelo, sustentable e competitivo para planificar eventos diferenciados", enxalzou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2023 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O Pazo de Toubes, en Cenlle acolleu o Foro Mice España, que se celebrou por primeira vez en Galicia, e que reuniu a un centenar de profesionais do sector de todo o país para debater cuestións sobre a cadea de valor, a sustentabilidade, a dixitalización e reivindicar Ourense como un destino "de carácter auténtico para os eventos".

A importancia de adoptar un novo modelo económico baseado na reutilización continua de recursos na industria global do sector de reunións, convencións, congresos, feiras eventos e incentivos (Mice) e o destino como valor diferencial foi a idea máis repetida do foro, no que o vicepresidente da Deputación provincial, Rosendo Fernández, foi o encargado de dar a benvida aos presentes.

"É un destino que denota autenticidade e que resulta sinxelo, sustentable e competitivo para planificar eventos diferenciados grazas aos recursos cabeceira do territorio", enxalzou Fernández, que lembrou diversas actuacións levadas a cabo pola Deputación de Ourense para situar a provincia como destino Mice "de referencia". Ademais, como representante da institución, subliñou que o goberno provincial "tende a man" para colaborar en todos aqueles eventos e reunións que "poñan en valor o territorio".

Tras el, tomou a palabra a presidenta de OPC Galicia, Ana Trevisani, quen destacou que desde o 2016 OPC Galicia e Turismo de Galicia "teceron paso a paso a promoción e consolidación" da comunidade como destino Mice. Ademais, aproveitou para render unha homenaxe á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, á que describiu como "unha persoa receptiva" e "unha voz solvente e entusiasta", quen concorreu nas últimas eleccións como candidata do PP en Ponteareas.

Entre aplausos interveu o propia Castro, que agradeceu unhas palabras "xenerosas", pero "inmerecidas". "Porque eu só escoitei o que o sector necesita para tentar proporcionarllo", dixo.

Dese modo, confesou sentirse "moi afortunada" de poder falar de Galicia "en calquera parte" e destacou aqueles espazos "únicos e singulares" que distinguen ao territorio; pondo de relevo a súa gastronomía, cos viños da Denominación de Orixe, e o seu termalismo e agradecendo a chegada do Foro Mice "porque é o único segmento que ten capacidade de desestacionalización".

Tras a entrega dun ramo de flores á Directora de Turismo de Galicia, o foro continuou con distintos relatorios que arrincaron coa primeira sesión sobre "O catering no Mice como exemplo de economía circular"; para dar paso á importancia da sustentabilidade cun panel centrado nas construcións efémeras no que, baixo o nome "O efémero e o compromiso sustentable", debateuse sobre as modas fronte aos compromisos reais.

A xornada incluíu un debate sobre "Acertos e erros na promoción de destinos Mice" e concluíu cunha conferencia sobre ferramentas tecnolóxicas e dixitais ao servizo do sector. A clausura da xornada correu a cargo da xerente do Inorde, Emma González, que se centrou no potencial do suroeste galego para o turismo de negocios, presentando aos asistentes o catálogo Mice creado pola entidade "como ferramenta para a comercialización deste sector". Un catálogo de recursos que reúne 65 espazos singulares para converter "calquera evento profesional ou deportivo nun encontro de alto valor".

Pazo de Toubes, Cenlle
Pazo de Toubes, Cenlle | Fonte: Viño do Ribeiro


Para finalizar, proxectouse o vídeo "Ourense, provincia Mice, colle velocidade", para transmitir o carácter "singular e diferenciador" que ofrece o destino como sede de congresos e reunións. "Trátase dun lugar non só para acoller un evento, senón para que os asistentes poidan vivir unha experiencia completa dun destino auténtico", finalizou a xerente do Inorde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta