Asociación Galega de Editoras cumpre corenta anos desde a súa fundación

"Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega. Somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos", destacou o presidente da AGE, Henrique Alvarellos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2023 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Editoras celebrou este xoves o seu 40 aniversario nun acto celebrado en Santiago e onde se reuniron representantes do sector do libro galego e das administracións e entidades.

O acto, que tivo lugar no Hotel San Francisco ás 19,00 horas, arrincou coa proxección dun audiovisual elaborado pola produtora Illa Bufarda que presentaba a traxectoria da AGE durante os últimos 40 anos. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, fixo un percorrido histórico pola edición en Galicia, desde os precursores do século XIX ata a actualidade --deténdose en 1983, cando naceu o gremio--.

"Media ducia de editoras botaron a andar, en xuño de 1983, a primeira asociación profesional do noso país. Tiñan un dobre obxectivo: crear unha industria editorial galega e conquistar público lector. A industria creouse. Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega. Somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos. Pero a edición galega segue cunhas cifras de vendas moi baixas, menos do 10% do mercado do libro en Galicia", sinalou.

Nesta liña, reclamou máis visibilidade para o libro galego. "Non nos cansaremos de reclamar un gran plan lector para o libro galego porque a lectura é o motor do coñecemento. Con políticas públicas sedutoras, acertadas, útiles... Fáltannos xanelas, lugares amables onde eses libros galegos teñan visibilidade", lamentou.

No acto participaron representantes institucionais do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e da Xunta de Galicia, Valentín García, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello daCultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libro Educativo (Anele), José Moyano, o director da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio Ávila, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o presidente da Asociación Galega da Crítica, Mario Regueira, entre outros.

'100 ANOS DE EDICIÓN MODERNA EN GALICIA'

Ademais, os asistentes recibiron a obra '100 anos de edición moderna en Galicia', publicada pola Asociación Galega de Editoras e na que colaboran nove especialistas, que profundan na peripecia editorial da nosa terra desde que se puxesen en marcha os considerados primeiros proxectos de edición moderna en Galicia: selos como Céltiga Lareira ou Nós, "que tiñan como obxectivo ampliar o público lector en galego".

Os coautores son Encarna Otero, Xurxo Martínez, Miguel Toval, Xosé Manuel Dasilva, Charo Portela, Manolo Bragado, Francisco Rodríguez Iglesias, Francisco Castro e Xesús Alonso Montero.

Imaxe de arquivo de libros nun andel
Imaxe de arquivo de libros nun andel | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta