Jácome admite que preguntou se Cabezas sería candidato do PP a presidir a Deputación antes de "dar o ok" ao pacto

Garante que cumprirá o acordo selado cos populares: "Nós nunca traizoamos a ninguén; nin ao PP, nin a Baltar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2023 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia



A constitución da Deputación Provincial de Ourense continúa no aire á espera da resolución do recurso presentado por Celanova Decide no Concello de Celanova e sen darse a coñecer quen ocupará o posto de presidente que deixou Manuel Baltar tras 11 anos de mandato.

O rexedor municipal da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, recoñecía na recta final do seu anterior mandato que lle chegou por "radio macuto" a información de que "a intención" de Manuel Cabezas, o candidato á alcaldía polo Partido Popular, era recoller a acta de concelleiro para "poder aspirar a ser deputado provincial" e "elixido presidente" da Deputación.

Este martes, xa co bastón de mando para o novos catro anos, tras un pacto asinado o propio sábado de investidura para que tanto no concello ourensán como na Deputación gobernase a lista máis votada --Democracia Ourensá e PP, respectivamente--, admitiu que, antes de "dar o ok" ao PP preguntou se Cabezas sería o candidato á presidencia da institución provincial.

"Nós sempre respectamos os pactos, somos os únicos que os respectamos", subliñou, preguntado sobre se se mantería ese acordo, asinado polo propio alcalde e polo rexedor de Xunqueira de Ambía con autorización de Paula Prado do Río, no caso de que Manuel Cabezas sexa o candidato.

"NÓS NUNCA TRAIZOAMOS A NINGUÉN"

"Nós nunca traizoamos a ninguén; nin ao PP, nin a Baltar", engadiu para valorar que "na partida de póker" entre "catro xogadores" quedou "claro" que os que "manteñen sempre a súa palabra son Democracia Ourensá".

Así, defendeu que a súa formación cumpre "os pactos", pero recoñecendo que antes de chegar ao acordo preguntaron por Manuel Cabezas. "Deslizamos esa pregunta, 'Cabezas non será o candidato?' antes de dar o ok e o que nos dixeron foi que non estaban precisamente pensando nel", expuxo.

Jácome non escatimou en críticas a Cabezas, quen na xornada de investidura desvinculouse dun pacto que liga coa dirección autonómica do partido. De feito, aínda que asumiu a acta e, do mesmo xeito que o resto do grupo, cumpriu a disciplina popular votándose a si mesmo, avanzou a súa intención de deixar o Consistorio ourensán, un paso que ata o momento non formalizou.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na sesión de investidura.. Agostime - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na sesión de investidura.. Agostime - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta