Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2023 | Actualizada ás 16:46
Avogados galegos concentráronse este mércores ante as sedes xudiciais da Coruña, Pontevedra e Santiago para reclamar "unhas condicións dignas para a quenda de oficio" así como medidas contra a paralización da Xustiza.
"Necesitamos un pacto de estado pola Xustiza, que a sitúe como unha prioridade", dixo Francisco Rabuñal, decano do Colexio de Avogacía de Santiago, que clamou contra "unha xustiza precaria" e contra a "paralización" e os "atrasos" derivados de "falta de medios económicos, humanos e técnicos".
Para Rabuñal, a Xustiza "vive un dos seus peores momentos da democracia", dado que, á "histórica falta de medios" súmanse "as continuas paralizacións froito" das folgas. "Estas situacións provocan atrasos, que afectan os demandantes de xustiza e aos profesionais como avogados e procuradores", engadiu.
Paralelamente, os profesionais da avogacía reclaman unha remuneración "digna e suficiente" do servizo de asistencia xurídica gratuíta, de "todas as actuacións" que leven a cabo os letrados da quenda de oficio "sen excepción algunha". Tamén piden a redución da carga burocrática e o desenvolvemento de campañas de sensibilización fronte ao colectivo para "dignificar" o labor que desempeñan quen prestan este servizo da quenda oficio.
A decana do Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra, Gemma Rial Rodríguez, na protesta desta cidade, asegurou que os avogados viven "situacións de dureza extrema, inxusta e que non se corresponde co nivel de preparación e de traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.