O Parrulo, campión

O equipo ferrolán deu a sorpresa e venceu 7-3 ao Santiago Futsal na final da 24ª edición da Copa Galicia. O Burela Pescados Rubén acadou o título feminino tras gañar 7-0 ao Ourense Envialia.

Por gcdeportes | As Pontes | 02/04/2015 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

Ficha técnica
O Parrulo Ferrol:
Canoli, Alex, Iago Socastro, Jacobo e Chicha --cinco inicial-- Martín, Íñigo, Pana, Isma e Rubi.
Santiago Futsal: Marcos Vara, Dani ‘Chino’, Iván Rumbo, Borja e Lucho --cinco inicial-- Diego Quintela, Lucas Bolo, Gallego, Pablo Tallón, Hugo Sánchez, Santi e Iker López.
Goles: 0-1: Diego Quintela (min. 5). 1-1: Pana (min. 9). 2-1: Pana (min. 14). 3-1: Rubi (min. 21). 4-1: Chicha (min. 25). 5-1: Iago Socastro (min. 32). 5-2: Lucas Bolo (min. 34). 5-3: Gallego (min. 37). 6-3: Alex (min. 39). 7-3: Canoli (min. 37).
Árbitros: Amarelas a Álex, Iago Socastro, Pana, Chicha, o adestrador Diego Ríos e o seu segundo Iván López no Parrulo e a Gallego e o fisioterapeuta Rubén no Santiago.
Incidencias: final da 24ª edición da Copa Galicia no Municipal de As Pontes. Cheo con máis de mil espectadores. O presidente da LNFS, Javier Lozano, convidado á gran final, entregou a copa de campión da Copa Galicia 2015 a Pana, capitán de O Parrulo.

O Parrulo celebra o segundo título da Copa Galicia.
O Parrulo celebra o segundo título da Copa Galicia. | Fonte: @oparrulofs

Foi un xusto vencedor O Parrulo nunha final intensa e trepidante. Ata sete goles marcaron os ferroláns ao Santiago Futsal, impotente para desarmar a defensa dos homes de Diego Ríos. Tras tumbar o Burela nos penaltis en semifinais, O Parrulo venceu 7-3 na final, tras chegar 2-1 ao descanso. Marcaron Pana (2), Rubi, Chicha, Iago Socastro, Álex e o porteiro Canoli o último. Dez anos despois da primeira, segundo título da Copa Galicia para os ferroláns.

E iso que foi o Santiago Futsal quen abriu o marcador, nunha contra levada por Santi e que Diego Quintela aproveitou o rexeite. Era o minuto 5 dun partido con moitos trocos dende o comezo, para manter o ritmo intenso. Cando semellaba ter controlado o partido o Santiago, chegou o empate, no minuto 9, obra de Pana nunha boa xogada do equipo ferrolán. O encontro era de ida e volta, sen un dominador claro e no que as defensas mandaban sobre o xogo de ataque. O gol do empate deu novos folgos ao Parrulo, e Pana volveu marcar tras aproveitar un rexeite dun tiro de Jacobo. Era o 2-1 no minuto 14. A final seguía con ritmo e sen control, pero o marcador non se moveu antes do tempo de lecer.

Nada máis principiar o segundo tempo, gol psicolóxico, o terceiro para os ferroláns, gol de Rubi en xogada individual tras canear ao porteiro. O Santiago Futsal acusou o golpe. Lucas Bolo tivo un remate ao pau no minuto 22, pero foi Chicha quen, dende o bordo da área e a media altura, fixo o 4-1. Puido marcar Diego Quintela un man a man con Canoli, pero detivo o meta, e o Santiago apostou por Hugo Sánchez como porteiro-xogador no minuto 28 e 4-1 en contra.
Gallego tivo o 4-2 no segundo pau e Canoli sacou un remate de Diego Quintela antes do 5-1 de Iago Socastro dende a propia pista coa porta baleira. Pero os composteláns non se renderon, e con goles de Lucas Bolo e Gallego meteron o medo no corpo ao Parrulo con 5-3 e tres minutos por xogar. O asedio compostelán durou ata que Álex marcou o 6-3. Canoli, dende a propia área, pechoui a final co definitivo 7-3 dende a súa propia área.

Ficha técnica
Burela Pescados Rubén:
Jozi, Peque, Gaby, Claudia, Shiori --cinco inicial-- Maite, Bea Mateos, Taina, Cris, Paula, Patri e Kiko.
Ourense Envialia: Chev, Chiki, Laura, Ro, Sara Moreno --cinco inicial-- Ana, María Romero, Marta e Peke.
Goles: 1-0: Peque (min. 5); 2-0: Taina (7’); 3-0: Gaby (12’); 4-0: Shiori (18’). 5-0: Maite (22’); 6-0: Peque (29’); 7-0: Jozi (35’).

O Burela Pescados Rubén defendeu con solvencia o título e volveu proclamarse campión da Copa Galicia, por segundo ano consecutivo, tras unha goleada sobre o Ourense Envialia (7-0). As laranxas controlaron o partido dende o inicio e xa chegaron ao descanso con vantaxe de 4-0.
Peque abriu o marcador no minuto 5 tras unha pelexa polo balón na área ourensá. Tan só dous minutos despois, Taina facía o 2-0 cun disparo dende media pista. Ampliaron a fenda, Gaby, no 12, tamén dende lonxe, e Shio, no 18, nunha recuperación que finalizou dende o lateral da área.

O Burela, campión feminino.
O Burela, campión feminino. | Fonte: @burelafs

Jozi resolveu as temperás tentativas ourensás co comezo da segunda parte. Pero xa no minuto 22, Gaby aproveitou un contraataque para servirlle a Maite o 5-0. As ourensás tentaron acurtar distancias con xogo de cinco, pero a defensa laranxa reaccionou con solidez. No minuto 29, chegou o sexto de Peque, asistida por Shiori. Mantendo a aposta por porteira-xogadora, subiu ao marcador o 7-0 definitivo, con firma de Jozi a porta baleira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta