Goretti Sanmartín non irá á Ofrenda do Apóstolo e só participará nos actos "laicos"

Fará o mesmo que Martiño Noreiga e avanza que o Concello organizará un acto propio dedicado a "honrar aos veciños de Compostela".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2023 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou este luns que participará en todos os actos institucionais do próximo 25 de xullo representando á cidade, excepto na Ofrenda ao Apóstolo. "Como representante da cidade e atendendo á condición de estado laico, a miña participación centrarase nos actos institucionais", resolveu.

Así o asegurou en rolda de prensa tras reunirse co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, que sinalou que respecta a decisión da alcaldesa, aínda que non a comparte e insistiu en que Goretti Sanmartín terá "sempre as portas abertas" para acudir á Ofrenda.

"A súa presenza esperámola, porque é a alcaldesa de todos os cidadáns e así o consideramos. Reitero de novo a invitación", afirmou nunha rolda de prensa no concello na que compareceron xuntos. Con todo, Sanmartín, que toma a mesma decisión que o exalcalde Martiño Noriega, insistiu en que acudirá a todos os actos do 25 de xullo "en representación máxima deste Concello".

Así mesmo, recoñeceu que a decisión de non acudir á Ofrenda "a algunha xente pode non gustarlle", pero reiterou que é unha decisión que "hai que respectar", xa que cre que é "algo entendible" que nun estado aconfesional a representante pública participe nos actos institucionais e non nos de carácter relixioso.

Deste xeito, a rexedora destacou que o consistorio municipal "continuará exercendo o seu labor protocolario" e avanzou que xa se puxo a disposición da Casa Real, que aínda non confirmou se o rei Felipe VI participará na Ofrenda ou no seu lugar designará a un delegado rexio. 

REUNIÓN CO ARCEBISPO

Sobre o encontro que este luns compartiron Sanmartín e Prieto, a alcaldesa destacou a "amabilidade" e a "boa sintonía", mentres que o arcebispo celebrou o "clima de acollida" no que sitúa esta primeira reunión.

Para Goretti, as relacións coa Igrexa e cos seus representantes hai que abordalas "co máximo respecto", posto que se trata dunha institución "sen a que non se entende a Compostela que coñecemos", que "constrúe e vertebra" a cidade e "supón unha riqueza cultural e patrimonial".

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa xunto ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.. CONCELLO DE SANTIAGO
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa xunto ao arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

ACTO INSTITUCIONAL PROPIO O 25X

Ademais, Goretti Sanmartín tamén lle trasladou ao arcebispo que o Concello organizará un acto institucional propio o próximo 25 de xullo dedicado a "honrar aos veciños de Compostela" no día grande".

Nesta celebración, avanzou, serán convidadas todas as institucións co obxectivo de que se recoñeza o labor e traxectoria de personalidades e entidades que destacan en diversos campos na cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta