Por Mikel Pérez-Nievas | Compostela | 15/04/2015 | Actualizada ás 09:59
A hipótese das expectativas racionais (en adiante, HER) consiste en supor que os individuos non cometemos erros sistemáticos na predición dos valores futuros das variábeis económicas (prezos, salarios, dividendos, ...) que condicionan as nosas decisións no presente. Por suposto, iso non quere dicir que os individuos sexamos capaces de predicir perfectamente o futuro; o que significa é que a medida que vamos coñecendo o valor de certas variábeis, non nos vemos continuamente sorprendidos e non alteramos de xeito significativo os nosos patróns de comportamento; simplemente incorporamos a nova información aos plans que tiñamos establecidos no pasado, modificando estes só na medida que esta nova información altere o que resulta razoábel esperar do futuro.
Para moita xente, a hipótese das expectativas racionais é absurda e non se corresponde coa realidade. Algúns apuntan que nin sequera Robert Lucas foi capaz de evitar grandes erros de predición, xa que, como é sabido, recibiu o Nobel seis meses antes de que expirara a unha cláusula establecida no seu divorcio que lle obrigaba a entregar á súa ex muller a metade do millón de dólares que lle corresponderían se lle concedían o premio. Outros consideran a “Gran Recesión” iniciada no 2007 como unha constatación de que a HER non resulta válida, xa que moi pouca xente –e moi poucos economistas, - foi quen de prever o que se aveciñaba. Por iso, moitos recomendan o abandono da HER –que foi adoptada pola maioría dos economistas académicos, incluíndo aos keynesianos, durante a década dos 70- como o único modo de que a Economía como disciplina recobre o seu prestixio.
Na miña opinión, este tipo de reflexións constitúen terxiversacións malintencionadas da HER. Asignar unha probabilidade pequena a un suceso que acaba acontecendo, como as riadas recentes na ribeira do Ebro ou unha crise económica, non constitúe necesariamente un erro sistemático. Seríao se pensáramos que un suceso frecuente –como un accidente de coche, coller unha gripe ou unha subida xeral dos prezos- non vai acontecer. De feito, tamén poden caer en erros sistemáticos aqueles que continuamente nos alertan de un colapso do sistema para apuntarse o tanto de “ter prevista” a crise fronte a maioría dos economistas.
En realidade, testar en que medida o noso comportamento está moi preto ou moi lonxe do que postula a HER non resulta doado, aínda que, probablemente, todos podemos pensar en situacións nas que tomamos decisións baseándonos en expectativas pouco fundadas. Mais, a pesar destas dificultades, hai varios motivos polos que algúns economistas insistimos en manter a hipótese de Lucas como unha hipótese de traballo indispensábel:
1.-En primeiro lugar, tentar non cometer erros sistemáticos é unha consecuencia lóxica de unha hipótese de racionalidade máis feble: se aceptamos que a xente 1) é capaz de establecer unha orde de preferencias sobre as diferentes alternativas de elección que se lle presentan (e dicir, somos capaces de decidir se preferimos o bacallau á pescada ou se prefire ser un informático con un bo soldo antes que un músico con poucos recursos), e que 2) trata de orientar as súas accións para conseguir aquelas alternativas que lle resultan preferidas, entón temos que aceptar que, para conseguir o que pretendemos, interésanos tamén non cometer erros sistemáticos nas nosas predicións sobre o futuro.
1.2- En segundo lugar: a evolución de moitas variábeis económicas semella ser consistente coa HER. Por exemplo, na bolsa de valores, o feito de que os prezos de cotización das accións de unha empresa non varíen despois de que se anuncie un aumento dos dividendos da mesma –algo habitual nas bolsas- é, probablemente, un reflexo de que os participantes no xogo da bolsa anticiparan correctamente dito aumento dos dividendos. En realidade, o feito de que os cambios na cotización dos activos que se trocan na bolsa de un día para outro sexan imprevisíbeis nun sentido estatístico ( e dicir, sexan unha variable aleatoria de esperanza case nula) pode ser consecuencia de que a HER é certa: se moita xente esperara, errónea e sistematicamente, uns prezos das accións inferiores aos efectivamente observados no futuro, os que descubriran ese patrón podían gañar moitos cartos comprando accións cada día para vendelas o día seguinte . Habería, por tanto, un gran número de xente que se fixo extraordinariamente rica especulando –cos erros dos demais- na bolsa. Porén, soamente unhas poucas persoas –George Soros, Warren Buffet e, últimamente, Luis Bárcenas, ainda que este caso non está moi claro- foron quen de logralo contando coa mesma información que os demais. Por outra banda, a HER tamén podería estar detrás de certos fenómenos observados fora dos mercados financeiros: por exemplo, o feito de que en ocasións, unha expansión do gasto e da débeda pública non teña efectos sobre a economía real podería estar reflectindo o feito de que a xente anticipa correctamente que un aumento da débeda só pode financiarse se aumentan os impostos no futuro, polo que, ao ver reducida a súa riqueza, reducen o seu consumo e compensan o aumento da demanda orixinada no aumento da débeda.
3.-En terceiro lugar, e difícil eludir a HER se insistimos en afirmar cousas tales como que existe unha relación estatística clara e estábel entre agregados de decisións individuais -como a taxa de inflación e a taxa de desemprego-, especialmente se na determinación de eses agregados inflúen tamén medidas de política –como a cantidade de diñeiro en circulación- . Se a HER non fose certa (polo menos, no que respecta a relación establecida), dita relación podería ser en realidade moi inestábel, xa que, de ser estábel, podería ser descuberta polos individuos. Se estes mudaran as súas decisións como resultado de este descubrimento , a relación estatística inicialmente establecida deixaría de ser a mesma. Iso foi, de feito, o que aconteceu coa chamada “Curva de Phillips”, unha relación estatística aparentemente estable e negativa entre a taxa de desemprego e a taxa de inflación, “descuberta” por William Phillips a finais dos 50 (aínda que a relación estatística orixinal deste economista británico referíase a taxa de desemprego e a taxa de variación dos salarios) e reformulada en 1960 polos norteamericanos Paul Samuelson e Robert Solow, para os que o aumento da inflación provocaba un aumento do emprego porque implicaba unha diminución dos salarios reais. Cando os gobernos –especialmente durante os primeiros 70- trataron de explotar esa relación para combater o desemprego expandindo a base monetaria e, así, a inflación, a xente acabou anticipando que un aumento da base monetaria podía ter efectos sobre a taxa de inflación e ía modificando as súas demandas salariais en función dos xuros fixados polos bancos centráis para axustalas aos cambios na inflación esperada. A relación que pretendía ser estable e negativa entre a inflación e o desemprego deixou de selo e pasou a ser unha relación nula (Polo menos, durante un tempo).
Así, se fixéramos caso das chamadas ao abandono da HER a capacidade de predición dos economistas podería incluso empeorar. Manter a HER e confiar en que os axentes económicos aprendan rapidamente dos seus erros para situarse nunha senda de accións é unha condición necesaria para obter predicións que deixen de ser certas en canto un gran número de xente as coñeza.
É posible que os problemas coa interpretación da HER proveñan de pensar que, en Economía, hai unha única realidade obxectiva, que os individuos, de cumprirse a HER, son capaces de predicir sen cometer erros sistemáticos. Mais iso non é así. O que implica asumir a HER é que os individuos, guiados por unhas expectativas sobre o que vai deparar o futuro, toman decisións de xeito que ditas expectativas se confirman. Pódense por tanto producir bucles, ou expectativas autosostidas, que leven as economías por fases de euforia ou depresión das que non resulta doado saír. Isto, e non pensar que a xente aprende rápido dos seus erros, é o que dificulta a predición en Economía, e tamén a capacidade dos gobernos para dirixila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.