Yolanda Díaz propón unha Lei para garantir que o galego tamén se coñeza en todos os colexios de España

Comprométese a implantar unha nova lei de FP, gratuidade de 0 a 3 anos e supresión inmediata de concertos a colexios que separan por sexo

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 06/07/2023 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

Sumar comprométese a impulsar unha Lei Estatal de uso e ensino de linguas oficiais e minorizadas se alcanza a Presidencia do Goberno tras as eleccións xerais do próximo 23 de xullo. Así o recolle o programa para as eleccións xerais presentado este xoves 6 de xullo pola formación que lidera Yolanda Díaz, consultado por Europa Press.

O obxectivo desta lei, segundo explica o documento, é "protexer" as linguas oficiais do Estado e "potenciar a igualdade lingüística". "O sistema educativo é o lugar para garantir que se coñezan e estuden", precisa a formación.

Entre as propostas de Yolanda Díaz en materia educativa, destacan tamén a universalización da cobertura pública gratuíta da etapa educativa de 0 a 3 anos e a súa inclusión plena no sistema educativo.

Sumar tamén quere impulsar unha nova lei de Formación Profesional, para que haxa unha rede pública suficiente de centros "que garanta a cobertura destes estudos, comprometida co traballo docente, e que consiga reverter o peso actual da oferta privada nestes ensinos", así como "facilitar a permeabilidade entre itinerarios diferentes".

SUPRIMIR CONCERTOS CON COLEXIOS QUE SEGREGAN

O partido de Yolanda Díaz tamén aposta por suprimir "de forma inmediata" os concertos educativos con centros que "discriminen por razón de sexo ou utilicen mecanismos encubertos para seleccionar ao seu alumnado por razóns económicas, ideolóxicas ou outras características culturais ou persoais".

A vicepresidenta segunda do Goberno, ministra de Traballo e candidata de Sumar á Presidencia do Goberno, Yolanda Díaz
A vicepresidenta segunda do Goberno, ministra de Traballo e candidata de Sumar á Presidencia do Goberno, Yolanda Díaz | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta