Luis López, novo presidente da Deputación de Pontevedra, anuncia "políticas distintas" e non revanchismo

Toda a plana maior do PP de Pontevedra, incluído o presidente da Xunta e varios conselleiros asisten a súa investidura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2023 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

Luis López, presidente provincial do PP e concelleiro en Rodeiro, tomou posesión este xoves como novo presidente da Deputación de Pontevedra e avanzou a súa intención de "abrir unha nova etapa e aplicar solucións diferentes e políticas distintas". "Este cambio vaise a orientar nunha acción de goberno pensada para os concellos e polos concellos", proclamou.

O novo presidente provincial, coñecido como 'Lugués', sinalou que unha das cuestións que pretende cambiar é "a proximidade con todas as administracións locais da provincia", polo que anunciou a súa intención de visitar todos os concellos no primeiros seis meses de mandato.

Luis López tamén dixo que a "filosofía de actuación" do novo goberno provincial non ten "un ánimo revisionista". "Pero tampouco imos aceptar, con total lealdade, políticas e decisións contrarias aos nosos principios", puntualizou. Neste executivo hai sete alcaldes e outros tantos concelleiros, algúns con responsabilidades nos seus gobernos locais e outros que exercen desde a oposición.

Tamén tivo o novo presidente palabras de agradecemento ao goberno saínte, formado polo PSOE e o BNG, e "de cara ao futuro", pediu aos dous grupos da oposición "que sigan traballando intensamente pola provincia", mentres que el se compromete a "ter a man absolutamente tendida e un ánimo máximo de colaboración".

SESIÓN DE INVESTIDURA

A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, dirixida por Hipólito Cabezas, recibiu na escalinata interior do Pazo Provincial á nova corporación e aos 300 invitados que asistiron este xoves á sesión de investidura da Deputación de Pontevedra.

César Mosquera presidiu a mesa de idade xunto a Ana Laura Iglesias, ao ser os deputados de maior e de menor idade, respectivamente. "Como sabedes, aquí estase para ler o que di o secretario", chanceou o deputado nacionalista. A continuación xuraron ou prometeron os seus cargos todos os deputados, sendo o primeiro o propio Mosquera.

O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a exministra Ana Pastor, os expresidentes da Deputación Rafael Louzán e César Mera; os conselleiros de Cultura, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña; o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez; o fiscal xefe da Audiencia, Pablo Varela; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e outras autoridades civís e militares e representantes de colectivos sociais, económicos, deportivos e do mundo da xudicatura e a educación.

Nin o Partido Socialista nin o BNG presentaron candidato á presidencia, aínda que o PSOE non renunciou a dar un discurso no que, durante 13 minutos, o portavoz, Carlos López Font, fixo un balance da xestión do anterior goberno bipartito.

O portavoz do Bloque, César Mosquera, desde a presidencia do pleno limitouse a darlle un consello a Luis López: "Non se que tal vas de costas, pero se estás mal esta cadeira vaiche canbiar".

ELOXIOS DO PRESIDENTE DA XUNTA

Ao terminar o acto oficial, o presidente da Xunta mantivo un encontro cos xornalistas no que manifestou que "é un día de alegría", en primeiro lugar polo propio Luis López, de quen dixo que "reúne moitísimas condicións", en referencia á súa experiencia de xestión e política, xa que, entre outros cargos, foi alcalde de Rodeiro e delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

O presidente da Deputación de Pontevedra, o popular Luis López (i), saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante a constitución da nova corporación da Deputación de Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, o popular Luis López (i), saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante a constitución da nova corporación da Deputación de Pontevedra | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta