Formoso pide aglutinar o "voto útil" no PSOE para non ter que "encher as rúas de manifestacións" se se unen PP e Vox

O secretario xeral do PSdeG lembrou este sábado en Barro que nas últimas xerais houbo en Galicia 96.000 votos que foron a formacións de esquerda que non obtiveron representatividade.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/07/2023 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un chamamento a "aglutinar o voto útil nunha bandeira e un capitán de barco que sexa o PSOE", dirixido por Pedro Sánchez como único camiño, dixo, para que non "se impoña un programa político da ultradereita".

Antes de participar nunha comida en Barro coa militancia e varios candidatos socialistas ao Congreso e ao Senado (como David Regades), o responsable socialista emprazou a "non desperdiciar ningún voto". Respecto diso lembrou que nas últimas xerais houbo en Galicia 96.000 votos que foron a formacións de esquerda que non obtiveron representatividade.

Así, chamou á mobilización "de todo o pobo galego" para que o 23X haxa "un goberno progresista que garanta os dereitos das mulleres, dos pensionistas e das clases medias". "No momento máis crítico da historia" e fronte á "UTE dun PP e Vox en branco e negro, que queren facer retroceder 40 anos os dereitos dos traballadores, dos pensionistas e tamén da cultura".

"Despois non choremos e non teñamos que encher as rúas de manifestacións que non valerán de nada", advertiu Formoso, quen tamén se dirixiu ao ex presidente da Xunta e actual candidato do PP para que aproveite a súa visita a Galicia este fin de semana para "aclarar" que a súa proposta de goberno "inclúe un vicepresidente que nega o cambio climático, que nega a igualdade de dereitos das mulleres e homes e que nega o proxecto europeo".

Tras lembrar os acordos coa extrema dereita en Baleares, Murcia ou Canarias, Formoso indicou que lle está dando "un importante papel institucional a persoas que pedían que a xente non se vacinase" contra a covid en plena pandemia.

Estas opcións "non coinciden coa maioría social responsable", dixo Formoso, quen emprazou a atender o debate electoral do próximo luns no que o presidente do Goberno explicaralle a millóns de persoas "o que se fixo" durante o momento máis difícil da historia recente.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, antes de participar nunha comida en Barro
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, antes de participar nunha comida en Barro | Fonte: PSdeG - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta