O cómic e a novela gráfica, dúas formas de construír memoria histórica?

Os títulos contemporáneos teñen un carácter político e unha clara intención de denuncia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/07/2023 | Actualizada ás 09:18

Comparte esta noticia

A lectura é unha das actividades ás que máis cedo se acostuma aos nenos polos seus múltiples beneficios. Unha vez eses rapaces medran a porcentaxe deles que seguen con este hábito diminúe pero hai moitos que seguen con él, na súa maioría como un modo de pasar o tempo de lecer. Por iso elixe aqueles xéneros que máis lle interesan segundo os seus gustos e preferencias persoais.

Editorial Galaxia publica en cómic unha biografía de Francisco Fernandez da Rega.
Editorial Galaxia publica en cómic unha biografía de Francisco Fernandez da Rega. | Fonte: EDITORIAL GALAXIA

 

Entre os xéneros que prefiren os españois, hai un que mostra unha tendencia continua de crecemento, o do cómic e a novela gráfica. Segundo o informe 'O mercado do libro en España', de GfK, a venda de cómics e novelas gráficas creceu un 10% entre 2021 e 2022, ata chegar a supor un 8% do total.

 

Unha das claves dos cómics e as novelas gráficas é o uso do impacto visual para chamar a atención do lector, dar voz aos personaxes e compartir as experiencias dos protagonistas. Por iso, este formato úsase a miúdo para construír o discurso da memoria. Títulos como "Persépolis" ou "Maus" son exemplos dun subxénero que recupera a memoria histórica e que tamén ten a súa representación en España. 

 

A LECTURA CONVIDA Á REFLEXIÓN

 

A novela gráfica combina linguaxe visual con linguaxe escrita para contar historias. Neste xénero faise uso de todo tipo de recursos artísticos e literarios, desde ilustracións ata documentos, pasando por fotografías, historias corais ou relatos en primeira persoa. Isto fai que moitos dos seus títulos sexan capaces de conectar ao lector cos personaxes e resulten moi eficientes para construír un discurso memorístico con intención de denuncia.

 

"A parte gráfica do cómic é moi útil para enfrontar ao lector con certas imaxes e acontecementos do pasado", explica Carmela Artime Omil, autora do traballo de tese 'Memory construction in the contemporary graphic novels (2005-2015): the Spanish Civil War and its aftermath'. "Algunhas novelas gráficas usan o impacto visual para chamar a atención do lector, ao que mesmo parece que lle queren provocar unha reacción", apunta Artime.

 

POSIBILIDADES DO FORMATO

 

A linguaxe do cómic favorece, ademais, un estilo de lectura reflexivo que convida a centrarse nos elementos gráficos para completar a comprensión da historia. "Poder volver atrás e cerciorarse de algo a través doutro estímulo que non sexan as palabras é un activo da linguaxe do cómic", sinala Artime. Ademáis este formato da pé a poder conter un carácter político e unha clara intención de denuncia

 

 

Outra vantaxe das novelas gráficas á hora de facer unha narrativa histórica é a súa capacidade de axuntar dous aspectos: a ficción e a realidade. Moitos títulos inclúen documentos reais (como fotos familiares ou cartas), fan referencia a acontecementos históricos ou mencionan o proceso de documentación que seguiu o autor.

 

Este tipo de formato literario está gañando forza como ferramenta de divulgación e educación. A aparente simplicidade do seu formato facilita que o público se achegue á lectura e axuda a transmitir historias e conceptos complexos. En canto a cómic en español, este é unha boa referencia da narrativa gráfica sobre a Guerra Civil, a investigadora recomenda, "sen dúbida, o maior referente dentro do cómic de memoria é Carlos Giménez, autor de "Paracuellos" e "36-39 Malos tempos". Moitas das imaxes das novelas gráficas contemporáneas sobre a Guerra Civil parecen herdeiras do grafismo de Giménez, que usaba a historieta para denunciar e expresar as súas opinións", explica Artime.           

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta