Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/07/2023 | Actualizada ás 16:10
O PSOE de Ourense denunciou a celebración dun acto "mercenario" e "ilegal" por parte do Partido Popular e no que participou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para "tratar de comprar vontades" dos veciños e veciñas en plena campaña electoral, "regando a comarca da Limia con subvencións".
Os socialistas consideran que os populares "converteron e venderon" a firma dun convenio administrativo da Xunta cunha comunidade de regadoras nun "mitin electoral do PP infestado de pompa, publicidade enganosa e propaganda barata e mentiras", polo que avanzan que acudirán a denunciar os feitos ante as autoridades correspondentes.
"Usar diñeiro público de todos e todas para vender logros e recibir aplausos, nese mitin disfrazado de acto do goberno de Galicia é bochornoso", advirte o PSOE de Xinzo, que asegura que "non permitirá que, unha vez máis, enganen aos veciños con estas pantomimas".
"O presidente galego, Alfonso Rueda, e o alcalde de Xinzo posto a dedo polo PP, Amador Díaz, citaron hoxe pola mañá a todos os regadores da Limia a un acto electoral público, para vender o funcionamento das bombas dos pozos de regadío", unha cita que eles definen como a firma dun convenio pero que "realmente foi un acto de propaganda de partido e un aplausómetro persoal pago pola Xunta no medio dun parque o pobo", denuncia o PP.
"Actuaremos coa contundencia que merece esta deplorable actitude, denunciando todas as prácticas ilegais e antidemocráticas dos que se rebaixan para rabuñar un puñado de votos e vontades", advirten os socialistas, que reclamarán formalmente á Xunta que "non pague unicamente as bombas e os pozos" senón que "sufrague tamén o 20% do custo que deben pór os propios regadores do seu peto" e, se é posible, "que lles abonen tamén o IVE".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.